Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre unha moza española por unha escorredura de terras na Madeira

Morre unha moza española por unha escorredura de terras na Madeira

Foi nunha ruta popular entre os sendeiristas, aínda que pouco recomendada, xa que se usa para transportar auga de rega

Dous familiares que ían con ela tamén quedaron feridos e precisaron ser atendidos

Miradoiro das Cruzinhas, na Madeira (Concello de Santana) Miradoiro das Cruzinhas, na Madeira (Concello de Santana)
G24.gal 23/08/2024 17:20

Unha escorredura de terras na illa da Madeira, a maior do arquipélago homónimo luso, provocou a morte dunha turista de nacionalidade española duns 21 anos e feridas a outras dúas persoas, tamén españolas, informou un portavoz dos bombeiros a xornalistas.

O accidente tivo lugar no municipio de Santana, ao norte da illa, nunha ruta que leva á Levada da Água de Alto, un curso de auga popular entre os sendeiristas, aínda que non recomendado, xa que se usa principalmente para transportar auga de rega.

O portavoz explicou que a moza faleceu seguramente ao ser alcanzada polas pedras e que os outros dous feridos presentan "mazaduras lixeiras".

A mesma fonte "deduce" que os tres afectados eran familia, razón pola que os dous sobreviventes, os proxenitores da vítima mortal, necesitaron atención médica "para descarga emocional".

A alerta foi dada ás 13:05 hora local (unha hora menos GMT) e ao lugar acudiron 17 efectivos, así como varios vehículos.

O Concello de Santana explicou á canle lusa SIC Notícias que esta escorredura non está relacionada co incendio que asola a illa desde hai máis dunha semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade