Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre unha moza de 18 anos en Trazo tras chocar o coche en que viaxaba contra unha árbore

Morre unha moza de 18 anos en Trazo tras chocar o coche en que viaxaba contra unha árbore

Outros dous mozos tiveron que ser trasladadas polos servizos sanitarios

O condutor perdera todos os puntos do carné e circulaba coa ITV caducada e sen seguro

G24.gal 08/02/2022 09:12

Unha moza de 18 anos faleceu na madrugada deste martes nun accidente de tráfico no concello coruñés de Trazo.

O vehículo en que viaxaba chocou contra unha árbore despois de saír da vía, segundo informa o 112.

Foi un particular o que alertou o 112 para informar dun coche accidentado contra unha árbore na estrada que une Chaián e Trazo, aproximadamente a cincocentos metros do cruzamento do termo municipal coruñés de Trazo.

O 061, tras chegar ao lugar, só puido confirmar o falecemento dunha das persoas que viaxaban no vehículo. Así mesmo, indicaron que outros dous mozos, de 18 e 20 anos, foron trasladados ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.

As pegadas no asfalto marcan a traxectoria que seguiu o coche ata bater coas árbores que hai na marxe da vía. Suponse que o condutor do BWW que circulaba pola estrada que vai de Trazo a Santiago pouco despois da medianoite perdeu o control do vehículo á saída da curva e non logrou endereitar a traxectoria.

O impacto resultou letal para a moza de Ordes de dezaoito anos que ía no asento traseiro. O condutor, de 20 anos, e o copiloto, de 18, quedaron feridos de gravidade. Polo momento, non se coñece o resultado das probas de alcoholemia e drogas.

"O condutor quedou ferido grave e non se lle puideron facer as probas no momento, pero está pendente da análise do sangue se lle solicitou ao hospital", di o axente da Garda Civil, Héctor Teixeira.

A investigación segue aberta, pero o que xa está confirmado é que o coche circulaba coa ITV e o seguro caducados e que o condutor era un infractor habitual das normas de tráfico. Xa perdera todo os puntos do carné, aínda que non o tiña retirado porque presentara un recurso que está pendente de resolver. 

"Temos unha repunta nos sinistros mortais, moitos deles asociados a infraccións e imprudencias graves e polo tanto o estamos reforzando a vixilancia en todas as estradas a calquera hora do día porque detectamos positivos de alcol e drogas a calquera momento", explica o axente da Garda Civil.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade