Publicador de contidos
Publicador de contidos

Confirmada a morte de 40 persoas na explosión dunha mina de carbón en Turquía

Confirmada a morte de 40 persoas na explosión dunha mina de carbón en Turquía

Polo menos un traballador permanece atrapado no interior da galería afectada

G24.gal 15/10/2022 09:26 Última actualización 15/10/2022 14:19

O último reconto oficial de vítimas mortais da explosión dunha mina de carbón en Amasra, ocorrida na tarde do venres na provincia de Bartin, subiu a 40. Segundo informa o ministro de Sanidade, Fahrettin Koca, once traballadores están hospitalizados. 

"Estase a facer todo o necesario para atender once pacientes (feridos), seis en Istambul e cinco en Bartin", indicou nun breve comunicado publicado en Twitter.

Nun primeiro momento, o ministro do Interior, Suleyman Soylu, confirmara o falecemento de 26 mineiros e o rescate doutros 58. Ademais, asegurou que quince persoas quedaran atrapadas na galería afectada. Arestora, polo menos un mineiro continúa desaparecido.

Explosión

Un total de 110 mineiros que traballaban na quenda de 16:00 a 24:00 horas atopábanse na mina cando se produciu o estoupido, sobre ás 18:15 hora local (15:15 GMT). Ocorreu nunha galería de máis de 300 metros de profundidade, onde estaba case a metade do persoal.

Segundo as primeiras pescudas, todo semella indicar que a causa do desastre foi unha explosión de grisú, pero a Fiscalía local xa abriu unha investigación para esclarecer o sinistro.

A mina pertence á empresa estatal Turkish Hard Coal Enterprises e, segundo o diario turco Evrensel, un informe do Tribunal de Contas de 2019 xa alertara da presenza de altas filtracións de gas con risco de explosión.

Accidentes mineiros

Turquía é un dos países do mundo con máis accidentes nas súas minas de carbón e lignito, que os sindicatos achacan ás escasas medidas de seguridade nun sector pouco regulado e controlado.

Dende 1941, máis de 3.000 persoas morreron en accidentes mineiros neste estado. O máis grave, con máis de 300 mortos, rexistrouse no 2014.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade