Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morren dous mozos de 18 anos nun accidente provocado por un xabaril en Chantada

Morren dous mozos de 18 anos nun accidente provocado por un xabaril en Chantada

O condutor do vehículo quedou ileso, pero os dous acompañantes faleceron no acto tras o impacto do coche contra unha barreira de protección

O vehículo accidentado saíu da vía por culpa da irrupción dun xabaril na calzada, arredor das doce da noite

Imaxes cedidas pola Garda Civil
G24.gal 08/08/2023 09:47 Última actualización 08/08/2023 12:31

Dous mozos de 18 anos de idade morreron na madrugada deste martes tras unha saída de vía provocada por un xabaril, á altura do municipio lucense de Chantada, segundo informa o 112.

O turismo envorcou cando circulaba pola estrada N-540, á altura do punto quilométrico 53, con tres persoas no seu interior.

Dos tres ocupantes, o condutor do vehículo quedou ileso, pero os dous acompañantes faleceron no acto tras o impacto, polo que tiveron que ser liberados polos bombeiros.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido arredor das 00:15 horas deste martes, cando varios particulares chamaron para solicitar axuda para os ocupantes dun coche, que estaban atrapados como consecuencia dunha saída de vía.

De feito, segundo o relato dunha das persoas que deu o aviso, o accidente foi provocado por un xabaril que se cruzou na estrada.

Segundo informaron desde os servizos de emerxencias, o coche saíu da vía pola marxe dereita e acto seguido chocou contra a barreira de protección, que se incrustou no vehículo por mor do forte impacto.

Unha vez no lugar do accidente, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento do concello chantadino empregaron o material de liberación para sacar dous dos ocupantes do turismo sinistrado, aínda que non se puido facer nada pola súa vida.

O condutor do vehículo, aínda que quedou ileso, sufriu unha crise de ansiedade tras o suceso, segundo informaron os equipos de intervención.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, avanzou que o pleno do Concello decretará dous días de loito oficial polo falecemento dos dous mozos. 

Os tres ocupantes do vehículo eran membros do equipo xuvenil da S. D. Chantada, entidade que emitiu un comunicado esta mañá lamentando o sucedido e anunciando a suspensión temporal de calquera tipo de actividade.

O rexedor chantadino sinalou que os mozos viñan de disputar un torneo no municipio veciño de Taboada no momento do accidente.

Segundo sinalaron fontes policiais, a investigación sobre o suceso segue aberta, aínda que xa se confirmou que os tres ocupantes do vehículo viaxaban co cinto de seguridade posto e que o condutor deu un resultado negativo nas probas de alcoholemia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade