Morren uns 30.000 polos no incendio dunha explotación avícola de Santa Comba
Morren uns 30.000 polos no incendio dunha explotación avícola de Santa Comba
O lume declarouse de madrugada e por fortuna non chegou ao depósito de propano nin á vivenda situada a carón
Uns trinta mil polos puideron perder a vida neste lume que queimou a instalación eléctrica e o illante dá explotación avícola, segundo comunicaron os equipos de emerxencias.
Minutos antes das 5 da madrugada deste sábado, unha das dúas persoas que se atopaban nas instalacións explicou ao 112 Galicia que estaba a arder unha nave de polos situada no lugar de Vilar de Céltigos, en Grixoa (Santa Comba). Preto do lume había unha vivenda e uns depósitos de propano que non se viron afectados. Tampouco as persoas implicadas, que conseguiron saír ao exterior pouco despois da chamada ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias.
Contra as 6 horas, os servizos de emerxencias confirmaron que o incendio estaba controlado, e procederon coas tarefas de refrixeración da zona afectada: ardeu a instalación eléctrica por completo e os trinta mil polos desta explotación avícola.
No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de modo preventivo, os Bombeiros de Cee, os GES de Ponteceso, Brión e Noia, a Garda Civil e o Servizo Municipal de Protección Civil de Santa Comba, así coma o persoal do distrito forestal da zona.