Mudanza exprés dun narcopiso a outro despois dunha redada da policía
Mudanza exprés dun narcopiso a outro despois dunha redada da policía
O novo narcopiso xa era utilizado hai un ano e o tiñan pechado cun cadeado
Os veciños de Monte Alto denuncian roubos e inseguridade no barrio
Nesta rúa Faro, do barrio de Monte Alto, ata hai poucos días vían ir e vir drogodependentes que se achegaban ata un narcopiso.
O pasado mércores unha redada da policía cambiaba os plans de traficantes e clientes que tiñan que desaloxar a vivenda pola presión policial.
Nun visto e non visto, todos se trasladaban a esta casa na rúa Pintor Román Navarro. Unha casa abandonada, que pertencía a unha congregación relixiosa, e que xa utilizaran como narcopiso no pasado. Só tiveron que abrir o cadeado que eles mesmos puxeran.
Novo lugar, pero mesmo barrio. Moitos xa son vellos coñecidos de veciños e comerciantes pero, tamén comezan a estar fartos dos continuos roubos nos comercios e da inseguridade que crean na zona.
Os veciños do barrio levan tempo denunciando esta situación e solicitando máis presenza policial.
Mentres este problema non se soluciona, os veciños seguirán convivindo cun mercado da droga á porta das súas casas.