Multiplícanse por dez nun ano as incautacións de cacharros para a pesca do polbo
Multiplícanse por dez nun ano as incautacións de cacharros para a pesca do polbo
O Servizo de Gardacostas incautouse de 12.000 cacharros, fronte aos 1.200 do ano pasado
É unha arte de pesca prohibida en Galicia porque afecta moito á reprodución da especie
O furtivos empréganos sobre todo no litoral entre Baiona e A Guarda
O reforzo dos controis contra a pesca ilegal do polbo na zona sur de Galicia segue dando resultados.
Nótase no espectacular aumento da incautación de cacharros.
Estes aparellos de plástico recrean as olas de cerámica coas que se pescaba tradicionalmente o polbo.
En Galicia están prohibidos porque son especialmente atractivos para as femias en fase de desova e iso prexudica a reprodución da especie.
Pese a estaren prohibidos, a alta cotización do polbo está incentivando o seu uso por parte dos pescadores furtivos porque son moi efectivos, baratos e non precisan carnada.
O Servizo de Gardacostas detectou un espectacular aumento do seu uso no litoral sur de Pontevedra, na costa entre Baiona e A Guarda, onde no que vai de ano se incautaron 12.000 caharros fronte aos 1.200 do anos pasado.
Na última incautación, a fin de semana pasada, sacaron do mar preto de dous mil cacharros con 320 quilos de polbo dentro.
No mes de xullo, en só oito días comisaron 4.500 e devolveron ao mar máis dunha tonelada de polbos.
O que non lograron ata o momento é identificar quen pon estas caceas tan destrutivas no mar.
"Fanse controis desde terra e tamén co helicóptero para rastrexar por se se ve algún barco largando este tipo de artes prohibidas en Galicia", explica Lino Sexto Bermúdez, o Subdirector do Servizo de Gardacostas de Galicia.
A grande extensión da zona onde actúan dificulta o control, por iso no Servizo de Gardacostas piden a colaboración do sector pesqueiro e da cidadanía para dar cos responsables desta actividade furtiva que causa un gran prexuízo á recuperación das pesqueiras.