Multitudinaria peregrinación para reivindicar o Camiño de San Rosendo
Multitudinaria peregrinación para reivindicar o Camiño de San Rosendo
Medio milleiro de persoas percorren simultaneamente oito treitos deste camiño transfronteirizo
Aspiran ao recoñecemento de Camiño Xacobeo
Medio milleiro de persoas aventúranse nunha peregrinación a través dos vales dos ríos Cávado, Limia, Arnoia e Miño. Trátase do Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa, unha ruta que atesoura restos patrimoniais de gran valor, e que percorre a calzada romana Vía Nova. Este itinerario consolidouse como unha vía a Compostela, e así o reivindica este grupo de peregrinos, co obxectivo de que sexa recoñecido como Camiño Xacobeo.
"É un camiño que cruza unha reserva mundial da Biosfera, a do Geres-Xurés. Xacementos arqueolóxicos, como Aquis Querquennis, a igrexa de Santa Comba, o mosteiro de San Salvador de Celanova...", explícanos Noli, da asociación que promove o recoñecemento.
No grupo de Verea, máis de cen persoas que percorren un treito duns nove quilómetros, entre carballeiras, canastros e petos de ánimas.
José Antonio Quintas, asociación de Amigos da Vía da Prata: "É histórico porque pasou por aquí San Rosendo. Se un camiño se demostra que ten sinalización, peregrinos e hospitalidade, é Camiño de Santiago".
Un camiño agreste, pero transitable tamén para bicicletas adaptadas, como demostrou unha participante de Discamino: "Aínda que teña algunha pequena parte técnica, en xeral é moi moi bonito".
En Ourense enlaza coa Ruta da Prata, pero de camiño, pasa por oito concellos da provincia que son os que acolleron esta multitudinaria e simultánea peregrinación, desde a Baixa Limia a San Cibrao, pasando polas terras de Celanova.
David Pérez López, presidente da asociación de Amigos do Camiño de San Rosendo: "Levamos 20 anos recompilando documentación histórica do paso de peregrinos".
En Celanova congregáronse todos os grupos. Máis de medio milleiro de persoas unidas pola reivindicación dun Camiño Xacobeo de San Rosendo.