Piden 28 anos de cárcere para o acusado de matar unha muller en Oza-Cesuras

Esta mañá quedou constituído o xurado popular e este xoves comeza a proba testifical

G24.gal 08/11/2023 13:52

Ao longo da mañá foron seleccionando na sección primeira da Audiencia Provincial os nove membros do xurado popular que serán os encargados de xulgar un home acusado de matar unha muller, á que coñecía, dun disparo na cabeza no concello coruñés de Oza-Cesuras, en xaneiro do 2021.

"O meu cliente non é o autor material do disparo. Aparte do delito de asasinato estase xulgando tamén un delito de tenza ilícita de armase outro de violación de morada", explica Rubén Veiga, o avogado da defensa.

A defensa mantén que nunha houbo unha inspección homicida para atentar contra a vítima. "Entendemos que si é responsable de entrar nesa casa coa intención de ir roubar, pero que foi un terceiro, ao que identificamos, o que fixo o disparo fatal polo que faleceu a vítima", engade Veiga.

Porén, desde o primeiro momento da investigación, a Garda Civil desbotou a posibilidade de que unha terceira persoa participase no asasinato. As acusacións, pública e particular, tamén o teñen claro. Consideran o investigado autor dos feitos.

"A Fiscalía pide para el un total de 28 anos de cadea, a acusación particular solicita a prisión permanente revisable e a defensa que sexa condenado por unha tentativa de roubo con violencia en casa habitada, entre dous e cinco anos de cadea", explica a defensa.

Está previsto que o xuízo se prolongue durante dúas semanas e é probable que o procesado declare ao final da proba testifical.

Cronoloxía do crime

O crime produciuse o 17 de xaneiro de 2021 pero para contextualizalo hai que remontarse a dous anos antes. O viúvo da vítima, Pablo, e a muller do presunto asasino, Sandra, traballaban na mesma empresa. Mantiñan unha estreita relación. As súas parellas descubríronos e, segundo o viúvo, decidiron poñer fin a ese coqueteo.

A partir de aí a relación laboral entre ambos complicouse ata o punto en que Sandra denunciouno por acoso. A compañía abriu unha investigación en novembro de 2020 e ela pediu unha baixa por ansiedade.

O 17 de xaneiro de 2021, supostamente Alberto, o home de Sandra, non se sabe se movido polos celos desa relación pasada da súa muller co xefe ou o desexo de vinganza polo acoso laboral que denunciara, colleu o coche. Aparcou a uns 700 metros da casa da vítima e do seu home na parroquia de Porzomillos.

Cristina, de 33 anos, estaba soa e convalecente dunha cirurxía. Alberto levaba unha pistola e unha mochila con grillóns, unha cadea metálica, cadeados e munición.

A hipótese dos investigadores é que o seu obxectivo era Pablo, pero non estaba na casa. O presunto asasino entrou na vivenda escachando unha fiestra. A vítima ao velo intentou fuxir pero disparoulle na caluga e matouna.

O presunto asasino foxe saltando o valo da casa e lesionase nunha perna. Os veciños que escoitaron os berros da vítima e vírono fuxir alertan á Garda Civil. Localizárono agochado nun monte próximo. Cando o detiveron sufriu unha parada cardiorrespiratoria e tivo que ser ingresado no hospital.

Nas proximidades localizaron semienterrada a mochila con todo o material que levaba. O acusado, Alberto, mantivo inicialmente a versión de que entrara a roubar na vivenda e que outra persoa lle disparara á vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade