Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nace AGalega, a plataforma dixital de contidos da CRTVG

Nace AGalega, a plataforma dixital de contidos da CRTVG

A maior plataforma de contidos audiovisuais en galego xa está dispoñible en agalega.gal, Google Play e App Store

AGalega nace con máis de 1.400 contidos en aberto e gratuítos, coa mellor ficción, cine, series, animación, podcasts, producións infantís e xuvenís, e irá medrando día a día

Esta plataforma vén acompañada de dúas novas apps: AGalega Audio, con todos os servizos da Radio Galega integrados, como directos, podcasts e contidos exclusivos; e Xabarín, a app con máis de 1.400 contidos para a cativada

G24.gal 17/01/2024 20:15 Última actualización 17/01/2024 20:16

“AGalega é moito máis”. Este é o slogan co que nace a plataforma dixital de contidos audiovisuais da CRTVG: AGalega. Coa súa estrea, a CRTVG reconfigura a súa estrutura dixital e ofrece os seus contidos de ficción, entretemento, cine, series, animación, documentais, podcasts, directos e contidos exclusivos, a través da maior plataforma dixital audiovisual en galego do mundo.

AGalega incorpora máis de 1.400 contidos audiovisuais que están xa a disposición da audiencia, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma.

AGalega nace con dúas apps integradas, pero que tamén se poden descargar de forma individual. Para os máis cativos, nace a nova app Xabarín con novidades como ‘Os Argonautas e a moeda de ouro’ ou ‘Valentina’, que se vai estrear como contido exclusivo na plataforma. A app do ‘Xabarín’ estréase tamén con máis de 1.400 contidos propios xa publicados.

E arranca ademais AGalegaAudio, con todos os servizos e canles da Radio Galega integrados, cos directos e contidos exclusivos. Un novo xeito de consumo que incorpora a radio visual, coa programación desde o estudio multimedia e ao que se suman todos os podcasts e contidos nativos dixitais, cun total de 4.500 audios xa dispoñibles na app.

Á AGalega pode accederse vía web a través de www.agalega.gal, e tamén pode descargarse AGalega (escrito sen espazos) desde Google Play e App Store. En febreiro estará dispoñible nas televisións intelixentes, en Fire TV, LG e Samsung. Ao xeito das plataformas dixitais internacionais, recoméndase o rexistro para gozar de todas as posibilidades que se lle ofrecen ao usuario: a suxestión de títulos que poden gustar, a posibilidade de engadir contidos á lista propia ou recibir as notificacións coas últimas novidades.

AGalega contará con todas as canles de directo de televisión e radio que ofrece agora mesmo a CRTVG, polo que poderá verse a televisión convencional tamén a través desta plataforma.

Contidos exclusivos e series míticas

Os contidos tanto da plataforma como das apps irán mudando e medrando. AGalega parte xa con contidos exclusivos que só se poderán ver na plataforma. Series como ‘Na Gloria’, interpretada por Xosé Touriñán e Dani Rovira, ou ‘Ghuasapp’ verán a luz exclusivamente na contorna dixital.

‘Os sen nome’, un documental sobre o accidente aéreo ocorrido en Montrove, é outro dos contidos únicos; a película para cativos candidata ao Goya ‘Valentina’ tamén será contido exclusivo, así como a sección de música, chamada ‘Palco’, contará co último concerto de Amancio Prada coa Filharmonía de Galicia, entre outros contidos.

A plataforma contén as series míticas da TVG combinadas coas máis modernas. ‘Padre Casares’, ‘Pratos combinados’ ou ‘Mareas vivas’ comparten escena coas novas creacións que tamén marcaron época: ‘Saudade de ti’, ‘Auga Seca’, ‘A Estiba’, ‘Operación Marea Negra’, ‘O sabor das margaridas’, ‘O faro’, entre moitas outras.

A gala de presentación, este mércores na Cidade da Cultura

A gala de presentación de AGalega tivo lugar este mércores na Cidade da Cultura de Santiago. O acto estivo presentado por Esther Estévez e Miguel Mandayo, e interviñeron Xosé Pereira, director da área de Innovación e Negocio da CRTVG, e Rosa Vilas, adxunta da dirección xeral e directora de Organización e Xestión do Cambio. Pechou o evento o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Entre os máis de 250 asistentes contábase unha nutrida representación de autoridades, con presenza de directores xerais doutros entes da FORTA, do sector audiovisual galego e tamén de traballadores da Corporación.

A finalización deste proxecto de plataforma OTT (over-the-top) marca un fito na culminación do proceso de dixitalización da Corporación que se verá completado coa estrea do novo estudio 300 de Informativos. Na actual contorna internacional, coa data da fin das emisións en TDT prevista para 2030, a CRTVG culmina a súa transición ao eido dixital e abre o tempo do consumo á demanda, en aberto, dos contidos en lingua galega para todo o mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade