Nace o proxecto Funeraria de Galicia, unha rede colaborativa para aproveitar recursos
Nace o proxecto Funeraria de Galicia, unha rede colaborativa para aproveitar recursos
Poderán beneficiarse unhas 600 pequenas empresas do sector no noso país
Un emprendedor lucense con experiencia no sector fúnebre impulsou a creación dun innovador proxecto denominado Funeraria de Galicia. Trátase dunha especie de cooperativa que aposta pola colaboración entre arredor de 600 pequenas empresas co fin de aproveitar sinerxías.
A iniciativa, que comezará funcionar en cuestión de días, terá a súa base de operacións no viveiro de empresas CEi-Nodus de Lugo. Segundo asegura o seu impulsor, as funerarias que participen nesta rede poderán aforrar tempo e cartos mediante diversas fórmulas.
Raúl Rodríguez, impulsor do proxecto Funeraria de Galicia: "Pequenas funerarias non dispoñen de fornos crematorios, e como isto sería longa a lista de servizos dos que se podería beneficiar a cooperativa. Por exemplo, non ter unha frota tan extensa de coches".
A rede colaborativa estará aberta a todas as funerarias interesadas en sumarse a este proxecto.
Tocante ao futuro do sector, que factura máis de 100 millóns de euros con 35.000 servizos anuais, este emprendedor é partidario de actualizalo. Por exemplo, a través da planificación do seu propio funeral por parte da clientela.
Raúl Rodríguez, impulsor do proxecto Funeraria de Galicia: "O feito de planificar o funeral implicaría quitarlle unha carga emocional á familia no momento do falecemento".
No mesmo sentido de facer máis sinxelo o proceso e facilitar as escollas, Raúl Rodríguez incluso está a traballar no desenvolvemento dunha aplicación, que xa está dispoñible na web de Funeraria de Galicia.