Os gandeiros, desconformes coas primeiras propostas da industria para renovar os contratos do leite
Os gandeiros, desconformes coas primeiras propostas da industria para renovar os contratos do leite
A finais de marzo vencen os contratos do leite
Os gandeiros din que as ofertas son insuficientes
Tras anos sen apenas movementos, volven as negociacións entre a industria e os produtores para renovar os contratos do leite, que vencen a finais de marzo, pero os gandeiros din que as ofertas non son boas e seguen sen cubrir os custos de produción.
"Recibimos ofertas de 32 ou 34 céntimos, algunha de 37 céntimos, pero a todas luces insuficientes. Recoñéceno cando cho veñen ofrecer, pero ou asinas ou asinas, non hai negociación posible".
Quéixanse de que as industrias os ameazan con non recollerlles o leite e moitos cren que deberían negarse a asinar.
"Deberiamos negarnos a firmar eses contratos abusivos. Se somos un, igual nos veñen ameazando, como fan algúns con non recollernos o leite, pero se somos moitos a cousa cambia".
Din que os custos de produción seguen aumentando sen parar e que as perdas son insostibles.
"Hai un ano pagabamos o diésel agrícola a 57 céntimos e agora estamos nun euro. Os pensos subiron en xaneiro 35 euros por tonelada. O plástico dos silos estaba en 70 euros a bobina e agora en 105. A luz: en novembro pagamos 1.000 euros, en decembro 1.400 e agora xa estamos tremendo".
"Esta granxa familiar con 68 vacas perdeu uns 25.000 euros nos últimos seis meses".
Subliñan que o prezo medio que cobran polo litro de leite está nuns 35 céntimos e que os custos superan xa os 40.