Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nervión prevé crear 400 empregos en Ferrolterra no sector da eólica mariña

Nervión prevé crear 400 empregos en Ferrolterra no sector da eólica mariña

A empresa española de eólica mariña presentou este martes os seus proxectos na comarca

Calculan que a planta que mercaron nas Somozas para fabricar pezas de eólicos comezará a funcionar este verán

G24.gal 14/03/2023 19:39

A empresa española de eólica mariña Nervión prevé crear na comarca de Ferrolterra 400 empregos cualificados.

Este martes presentaron os seus proxectos para Galicia, entre os que está a construción de velas ríxidas para buques.

Calculan que a planta que mercaron nas Somozas para fabricar pezas de eólicos comezará a funcionar este verán.

Nervión Naval Offshore, do Grupo Amper, mercou hai quince días a antiga planta de Gamesa nas Somozas e este martes presentoulle á Xunta o seu plan para esta nave, onde fabricarán pezas de eólica mariña, que se ensamblarán nas instalacións que van levantar tamén no porto de Ferrol.

"Son dúas actividades complementarias, que cando estean a pleno rendemento agardamos ter unha capacidade de xeración de emprego dunhas 400 persoas, que se unirán ás que xa están traballando en Navantia dende hai anos", di Roberto Bouzas, director xeral de Nervión Naval Offshore.

O presidente Alfonso Rueda destacou a necesidade de crear na comarca empregos cualificados coma estes e comprometeu o apoio da Xunta a un sector emerxente, que debe ser compatible, dixo, coa pesca.

"Na parte que lle toca á Xunta non deixaremos pasar esta oportunidade. Seremos absolutamente esixentes coas formas de facelo, coa compatibilidade co resto de actividades, pero esta oportunidade temos que aproveitala", asegura Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia.

A empresa estuda usar estas instalacións para fabricar innovadoras velas ríxidas para mercantes, que calculan que lles aforrarían un 30% de combustible aos buques.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade