Neste Xacobeo percorreron o Camiño un 60 % máis de peregrinos ca no de 2010
Neste Xacobeo percorreron o Camiño un 60 % máis de peregrinos ca no de 2010
Máis de 438.000 camiñantes visitaron Santiago de Compostela no ano 2022
O Camiño francés foi o máis percorrido, pero consolídanse os portugueses e o inglés
A fin de semana pasada pechaba a Porta Santa e deixabamos atrás o Xacobeo. Agora toca para as Administracións facer balance dos dous últimos anos onde se rexistraron cifras históricas de visitantes e comezar xa a planificar o vindeiro ano santo de 2027.
Este foi un Xacobeo atípico, que durou dous anos, que comezou coa pandemia e que acabou rexistrando cifras récord de peregrinos.
"As expectativas superámolas e dobrámolas. Foron máis de 438.000 peregrinos, aquelas persoas que se animan a recoller a Compostela, pero sabemos que son bastantes máis", destaca Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.
Pois eses máis de 438.000 camiñantes que nos visitaron en 2022 supuxeron un 60 % máis ca no ano santo anterior en 2010.
"Fomos quen de chamar a atención, de poñernos de moda e fomos quen de transmitir que Galicia é un destino seguro", engade.
O Camiño francés foi o máis percorrido polos peregrinos, pero outros camiños, como os portugueses e o inglés, tamén se foron consolidando. O 2022 foi ademais o ano de recuperar os visitantes internacionais.
"Os tradicionais de toda a vida, que son Italia, Francia, Portugal, pero os Estados Unidos xa conseguimos que volveran estar por riba de Portugal", di Nava Castro.
E agora toca xa comezar a organizar o seguinte Xacobeo, co Plan director 2022-2027, no que se introducen varias novidades.
"Por exemplo, especializar o Camiño. Pola zona do Camiño mozárabe, onde estamos traballando con Andalucía, Estremadura, Castela e León e mais preparar un camiño en bicicleta e un camiño a cabalo porque ten esa cultura e esa tradición cabalar", destaca a directora de Turismo de Galicia.