Néstor Rego: "O BNG está disposto ao diálogo e á negociación, pero con firmeza nos intereses do país"
Néstor Rego: "O BNG está disposto ao diálogo e á negociación, pero con firmeza nos intereses do país"
Néstor Rego: "O BNG está disposto ao diálogo e á negociación, pero con firmeza nos intereses do país"
O deputado do Bloque considera insuficientes as partidas que o Goberno destinará a Galicia en 2023 e afirma que o incremento do gasto en Defensa non favorece o acordo
O BNG considera que os presupostos do Estado para o 2023 son insuficientes para Galicia. Nunha entrevista no Galicia por diante, o deputado do Bloque Nestor Rego indicou que as contas públicas deseñadas polo Goberno "quedan curtas porque non atenden as necesidades presentes nin compensan o déficit histórico en infraestruturas e servizos".
Rego dá un dato: o do investimento territorializado que ascende a 1.077 millóns de euros; tan só tres millóns máis que o ano pasado. O deputado nacionalista critica que o executivo non invista máis en Galicia cando noutras comunidades autónomas, como Cataluña, Andalucía, Madrid e Valencia, as partidas soben ata un quince por cento.
"Son uns orzamentos claramente insuficientes e non se entenden nun contexto de presupostos expansivos. Entendemos que é unha mostra de que o Goberno español non cumpre con Galicia nin lle preocupa o noso país".
O deputado do BNG asegura que negociará co Goberno para tentar mellorar o investimento destinado a Galicia. Néstor Rego pon o foco no ferrocarril. Considera imprescindible modernizar as liñas internas, conectar por alta velocidade a rede galega con Portugal e implantar un servizo de proximidades ferroviarias, inexistente en Galicia.
"É unha cuestión de vontade política. O BNG está disposto ó diálogo pero con firmeza nos intereses do país porque hai cuestións que non son asumibles".
Rego considera que "non axuda a que haxa un acordo" en materia de presupostos que se dediquen tres mil millóns de euros a maiores para mercar máis armamento nun momento de crise económica e social. Segundo o deputado nacionalista, o seu grupo traballará para que isto se poda modificar.
O veto á pesca de fondo
O deputado do Bloque critica a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico sen ter en conta informes científicos actualizados nin contar con estudos de impacto socioeconómico. Estima que esta prohibición fará que a flota perda o 75 % das súas capturas e pide a revisión inmediata do regulamento.
"É un impacto moi negativo na economía do noso país e das vilas costeiras e arrastrará a outros sectores, polo que pode significar perda de emprego. Isto non é aceptable se non se fai ademais con apoio científico e sen informes socioeconómicos".
Rego critica que o Goberno non actuara coa máis "contundencia" para evitar este veto. Cre que o recurso xudicial é necesario pero reclama que se solicite a suspensión temporal da normativa e que se poñan medidas compensatorias para o sector mentres dure a prohibición.