Noites de teatro galego no Festival de Teatro Clásico de Mérida
Noites de teatro galego no Festival de Teatro Clásico de Mérida
O Centro Dramático Galego representa dúas funcións de Shakespeare en Roma
Segunda función esta noite no Festival de Teatro Clásico de Mérida de Shakespeare en Roma, do Centro Dramático Galego.
O que se chega a facer e a renunciar por obter poder é a idea que une a obra, unha concentración en dúas horas e vinte minutos dos catro textos que o dramaturgo británico escribiu ambientados no antigo imperio: Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico.
Fran Núñez, director do CDG, explica a montaxe.
"Encargámoslles esa costura a catro dramaturgos e dramaturgas diferentes e a catro directores e directoras distintos, o cal dá unha visión sobre o texto diversa e plural".
Oito actores multiplícanse para interpretar 47 personaxes, un traballo case de deportistas, como comentan eles mesmos.
Deseñada expresamente para o Salón Nobre de Fonseca, a montaxe adaptouse para o teatro romano de Mérida. Todas e todos, directores e elenco, coinciden en que saír aquí a escena, impón.
A ledicia e a fachenda de actuar neste festival redóbranse ao coincidir co inicio do cuadraxésimo aniversario da creación do Centro Dramático Galego, que se celebra en 2024.