Non era Rufina, era Rufus, o romano a quen pertencía a lápida funeraria que apareceu na contorna da praza de abastos de Lugo
Non era Rufina, era Rufus, o romano a quen pertencía a lápida funeraria que apareceu na contorna da praza de abastos de Lugo
Non era Rufina, era Rufus, o romano a quen pertencía a lápida funeraria que apareceu na contorna da praza de abastos de Lugo
Nunha primeira interpretación da inscrición pensouse que o nome que había era dunha muller, pero un estudo posterior desvelou que era dun varón
As lápidas funerarias son un achado pouco habitual, ata o de agora en Lugo só se tiña constancia de tres
Non era Rufina, era Rufus, un romano duns 50 anos, a quen pertence a lápida funeraria que apareceu na contorna da praza de abastos de Lugo durante as escavacións previas ás obras de peonalización. Foi o seu fillo quen lle dedicou esa placa.
"Tras a limpeza, fotografías e un estudo máis detido démonos conta que o nome era dun home, Rufus Rufinos. Neste caso é a dedicación dun fillo a seu pai que non era habitual", explica Enrique González, é o arqueólogo municipal de Lugo.
Esta é unha das singularidades do achado, pero tamén a lápida en si mesma. Encontralas foi unha sorpresa para os arqueólogos.
"Este tipo de lápidas, é unha placa pensada para ir incrustada na parede dun monumento funerario tampouco é habitual en Lugo. O máis frecuente aquí son as de tipo altar, as que chamamos aras ou estelas", asegura Enrique González.
Xunto á lápida de Rufus había outra sen gravar, por iso hai varias teorías sobre a súa orixe.
"Unha delas non ten inscrición e iso tamén nos dá moitos datos, dáse a posibilidade de que fora pintada ou que había un taller aí que se encargaba de facer este tipo de lápidas", comenta o arqueólogo.
A que máis peso ten é que as lápidas pertencesen á necrópole que se descubriu no ano 86 na praza de Ferrol, situada a escasos metros de onde apareceron agora estas. A necrópole foi desmantelada para ampliar a cidade e estes bloques de granito usáronse como recheo, moitas apareceron na muralla. O que si se sabe é a súa antigüidade: teñen 1.800 anos.