Desconvocada a folga do transporte de viaxeiros por estrada en Galicia
Desconvocada a folga do transporte de viaxeiros por estrada en Galicia
O pacto coa patronal prevé un incremento de salarios do 12,3 por cento este ano e o IPC en 2024
As asembleas de Ourense, Pontevedra e Ferrol rexeitaron o preacordo
Os traballadores refrendaron esta noite o preacordo acadado polos sindicatos e a patronal do transporte de viaxeiros por estrada nunha reunión celebrada este sábado, baixo a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.
O resultado, en todo caso, foi moi axustado. A favor do acordo votou o 51,15 % dos traballadores, en contra o 44,95 %, cunha abstención do 3,9 %. O preacordo, que permite desconvocar a folga, que ía empezar ás 00.00 horas do luns, recibiu o apoio maioritario nas asembleas de Vigo, Santiago, A Coruña e Lugo. En cambio, foi rexeitado en Pontevedra, Ourense e Ferrol.
Segundo transcendeu, o acordo entre patronal e sindicatos recolle só cuestións económicas. Os traballadores recuperarán este ano poder adquisitivo cun aumento do 12,3 % e o ano que vén os salarios actualizaranse de acordo ao IPC.
Os sindicatos indican que a proposta que votaron as asembleas incluía manter aberta a mesa galega co fin de seguir negociando, unha cuestión que consideran importante xa que "quedan moitos flocos" sobre outras cuestións, máis aló da económica.
Quedan, entre outras, aspectos como a xornada laboral, descansos, aspectos relacionados cos acompañantes dos autobuses e a mellora do servizo.