Non todo pode ser política, por Venancio Salcines
OPINIÓN
Non todo pode ser política, por Venancio Salcines
Estamos en tempos de cambios, de novas enerxías, de novos produtos, e todo cun denominador común, a sustentabilidade, e dun modo máis preciso, a loita contra a fenda de carbono. Nesta loita temos un grande aliado, a celulosa das árbores, máis precisamente a dos eucaliptos. Por que? Porque nos permiten xerar o Lyocel, a fibra téxtil máis sostible do mundo.
Nós temos auga, temos árbores e temos quen quere producir o tecido que vai substituír os tradicionais, e chámase Greenfiber, promovido por ALTRI. E como isto é un produto base, que ten capacidade tractora e modifica o substancial, debería entrar no perímetro dos PERTE ou proxectos tractores. Por certo, aínda un está a esperar por un galego, será que os fillos de Breogán non temos capacidade de traccionar? Será.
En todo caso, un proxecto que de partida debería ter apoio unánime da sociedade galega é cuestionado, como tantos outros, por unha parte do escenario político. Pero a cuestión é que non se formula a idoneidade política, debátense as cuestións medioambientais. E aquí, un declárase analfabeto total; de economía algo sei, pero de bioloxía ou química bastante pouco. Por iso, ante estes temas, como diría Hegel, posiciónome coa ética estatal, confío na lexislación e confío nos técnicos da administración, do que non me fío é dos informes medioambientais que fan os filólogos e a xente de letras, e menos dos membros do Consello Galego da Cultura.