Normalidade en Rande tras as retencións por un accidente cunha muller ferida grave
Normalidade en Rande tras as retencións por un accidente cunha muller ferida grave
O seu turismo saíu da estrada e envorcou, o cal ocasionou ringleiras quilométricas de vehículos na AP-9 en sentido Pontevedra
Os servizos de emerxencias e sanitarios interviñeron nun accidente rexistrado contra as 13:00 horas deste domingo na AP-9 á entrada da ponte de Rande, en sentido Pontevedra. O sinistro causou un atasco quilométrico.
Un turismo saíu da vía á altura de Trasmañó, pouco antes da ponte de Rande en sentido Pontevedra, envorcou e impactou contra a mediana da AP-9.
A muller que ía no vehículo puido ser liberada e trasladada en estado grave ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
A situación do tráfico agravouse pola grande afluencia de vehículos cara ás praias do Morrazo. No sinistro interviñeron axentes de tráfico da Garda Civil e da Policía Local de Redondela e efectivos Protección Civil e non tiveron que participar os bombeiros do Porriño e o GES de Mos que foron avisados.
Un guindastre retirou o turismo da calzada para que a circulación recuperara aos poucos a normalidade.