Publicador de contidos
Publicador de contidos

Norvento inviste 50 millóns nunha fábrica autosuficiente enerxeticamente en Lugo

Norvento inviste 50 millóns nunha fábrica autosuficiente enerxeticamente en Lugo

Trátase dunha fábrica para a produción de aeroxeradores de media potencia e baterías de almacenamento, que xerará preto dun milleiro de empregos.

G24.gal 19/04/2023 14:20

A empresa galega Norvento, especializada en enerxías renovables, vai investir 50 millóns de euros na ampliación das súas instalacións en Lugo. Trátase dunha fábrica para a produción de aeroxeradores de media potencia e baterías de almacenamento, que xerará preto dun milleiro de empregos. Unhas instalacións pioneiras xa que vai ser a primeira fábrica en España con autosuficiencia enerxética e cero emisións.

Fiel ao seu compromiso con Lugo, a cidade onde naceu hai 40 anos, Norvento enerxía vai construír unha nova fábrica no polígono das Gándaras, centrada na investigación, deseño e fabricación de solucións en materia de enerxías renovables. 

"A nova fábrica nace para impulsar a independencia enerxética e tecnolóxica do noso país. Norvento, dende o seu nacemento, apostou sempre por Galicia e o seu talento e con este proxecto tamén quere demostrar que a nosa comunidade tamén pode axudar a reducir a nosa dependencia enerxética e tecnolóxica", di Nerea Lema, responsable de desenvolvemento de negocio nacional de Norvento Enerxía.

Instalarase nunha parcela de 40.000 metros cadrados, cun investimento superior aos 50 millóns de euros. Estímase a creación dun milleiro de postos de traballo, entre directos e indirectos. 
Unha fábrica que vai ser pioneira en España. 

Fábrica Norvento Enerxía Cero, como o seu nome indica, vai contar con todas as tecnoloxías necesarias para que poida ser autosuficiente dende o punto de vista enerxético. 

Aproveitando a enerxía do sol, do vento, da terra e mesmo da chuvia, fabricaranse aeroxeradores de media potencia NED e solucións tecnolóxicas para o almacenamento de enerxía deseñados por Norvento.

Está previsto que as obras comecen o ano que vén e que a nova fábrica sexa unha realidade no 2026.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade