Nova acción vandálica nos aseos do parque do Pasatempo de Betanzos
Nova acción vandálica nos aseos do parque do Pasatempo de Betanzos
Os servizos de homes apareceron cheos de pintadas
Os aseos públicos do parque do Pasatempo de Betanzos vén sendo onde un ou uns mangallóns se dedican a facer das súas. As instalacións están nun recanto do parque. En momentos de poucos viandantes aproveitárono para materializar un ataque con pintura en spray nos servizos de homes.
"Aquí no Pasatempo todas as semanas andan a romper os servizos, as portas, pintando e rachando espellos, urinarios, os lavabos...", di Santiago Ois Álvarez, Xefe de Protección Civil e encargado do servizo de obras do Concello de Betanzos.
Engade que o vandalismo xuvenil tamén ten as súas historias de destrución que non se limitan ao parque do Pasatempo.
"Isto pasa máis os martes e xoves, que debe ser cando saen os dos institutos. Pero, noutros lugares tamén están a facer pintadas en marquesiñas e noutros lugares públicos e tamén en fachadas privadas. Andan a romper espellos, roubando sinais de tráfico. Non sei que lle pasa á xuventude nesta tempada".
O técnico municipal lembra o custosa que sae a reparación duns danos ocasionados polo simple feito de destruír. E chama a atención aos autores do caras que saen, para todos, as súas falcatrúas.
"Que se divirtan, pero que non estraguen, porque iso pagámolo todos. Eles non se dan conta, pero pagámolo todos e custa moitísimo diñeiro, que sae das arcas municipais. Todo o que hai que pintar e repoñer, por exemplo, nunha marquesiña só un cristal custa 300 euros. Hai un ano racharon os catro dunha delas. Non chegaron 2.000 euros para cambiar a marquesiña", afirma Ois.
Ademais da factura que ten que afrontar o erario municipal, o dano nas instalacións públicas tamén supón molestias para a colectividade. Ante as constantes accións vandálicas, o Concello tivo que clausurar outros aseos públicos situados no centro de Betanzos.