A N-541, ao seu paso por Cerdedo-Cotobade, volve ser escenario de accidentes
A N-541, ao seu paso por Cerdedo-Cotobade, volve ser escenario de accidentes
Unha muller quedou ferida despois de envorcar co seu vehículo en Santa María de Sacos
Os veciños quéixanse da perigosidade da vía, sobre todo cando chove
Tres saídas de vía na mesma fin de semana na mesma estrada, a N-541, ao seu paso por Cerdedo. O sinistro máis grave sucedeu o domingo á tardiña, cando unha condutora resultou ferida despois de envorcar en Santa María de Sacos. Os equipos de emerxencias e un particular axudárona a saír e foi trasladada en ambulancia a Pontevedra.
Malia que se descoñecen os motivos deste accidente, os veciños din que sempre que chove a historia se repite.
"Cando chove está moi perigoso para coches e motos, así hai a cantidade de accidentes que hai". "Parchean un burato e queda así, volve abrir e volven parchear, sempre igual". "Está o asfalto roto, e veñen camións e levantan todo, teñen que arranxalo", comentan algúns veciños.
Os outros dous incidentes tiveron lugar en Pedre, moi preto onde se produciu o accidente de bus onde morreron sete persoas. Nese punto concreto estanse acometendo obras de reparación, pero os veciños queren unha reforma completa.
"Teñen que botar o firme completo e unha capa de rodadura e pintala, de noite hai liñas que non se ven". "Teñen que quitar isto e poñer firme novo". "Ten boa falta dunha nova capa". "Que a arranxen, que hai outra estrada pola outra parte, pero aquí ninguén fai nada", din algúns habitantes de Cerdedo.
O continuo paso de tráfico pesado e o exceso de velocidade dalgúns condutores son, para a xente de Cerdedo, outros dos factores que contribúen á sinistralidade da estrada que une Pontevedra e Ourense.