Novo roubo das máquinas expendedoras na taberna do cámping boirense de Barraña
Novo roubo das máquinas expendedoras na taberna do cámping boirense de Barraña
"Parece que viñan roubar o Banco de España; con luvas, cubertos con pasamontañas", di o propietario do establecemento tras ver as imaxes das cámaras de videovixilancia
O dono do cámping de Barraña, en Boiro, volveu quedar sen as dúas máquinas de autovenda de bólas que conteñen xoguetes. Tíñaas encadeadas nunha zona da terraza da taberna e este luns pola mañá só estaba o sitio.
Outra vez volveron arramplarlle coa expendedoras, polo que a continuación foi ver a gravación da videovixilancia. Hai rexistrados dous ladróns en acción minutos antes das catro da mañá deste luns: "Vese os personaxes collendo as máquinas, cortando as cadeas. Pero, parece que viñan roubar o Banco de España; con luvas, cubertos con pasamontañas...", explica Juan Carlos, o dono do negocio.
O que quedou das máquinas despois de rebentalas e quitarlle o contido tanto de cartos como de produto, estaba esparexido na praia próxima, segundo Juan Carlos, quen lembra que
"a vez anterior leváranas en colectores do lixo. Tráeno e lévana dentro. Porque isto non é a primeira vez que pasa. Moitos que andan a isto son xente que teñen problemas de drogas e van ao diñeiro rápido e fácil".
O botín foi pequeno, pero o propietario das máquinas perdeu o pouco efectivo e o produto que conterían e, o máis valioso, as propias expendedoras.
"Esas máquinas son sinxelas, pero o mecanismo vale cartos. E, polo que contan, xa leva perdido sobre 20.000 euros. Está negro, por que xa di "outra vez", e que, claro, pasa tempo a reparalas, perder cartos e como xa non gañas moitos con estas cousas", sinala o dono da Taberna do Cámping.
Juan Carlos engade que está reconsiderando onde colocar as máquinas para disuadir ladróns.