Publicador de contidos
Publicador de contidos

Novos desafíos para España nun ano sen orzamentos, por María Cadaval

OPINIÓN

Novos desafíos para España nun ano sen orzamentos, por María Cadaval

G24.gal 19/03/2024 08:01

A situación política en España viuse sacudida polo anuncio da ausencia de novos orzamentos para o ano 2024, o que presenta unha serie de interrogantes e preocupacións que van dende a execución dos Fondos Europeos Next Generation ata a posta en marcha de medidas sociais que se supuñan clave neste exercicio. Carecer do principal instrumento de política económica non é doado, pois afecta dende o gasto en infraestruturas ás subministracións máis básicas, pasando polo pago dos xuros, o financiamento autonómico ou a condonación da débeda rexional prometida.

O impacto inicial da prórroga implica unha conxelación de determinados gastos, tamén de investimento e consumo, pois o Goberno ten que aterse ao gasto fixado para 2023, salvo para o caso das pensións ou da indiciación dos salarios dos empregados públicos, acordadas e aprobadas con anterioridade.

O Goberno enfróntase a varios obstáculos para cumprir con varios compromisos adquiridos, como o de elevar o gasto en defensa até o 2 % do PIB ou dar resposta a promesas sociais importantes: a atención comprometida para as persoas enfermas de ELA, a construción de vivenda pública ou a ampliación do permiso de maternidade e paternidade a 20 semanas. Tamén as bolsas de educación, as axudas á dependencia ou a actualización do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) se verán conxelados, salvo que recorra á vía do real decreto e posterior validación nas Cortes, para o que precisará recadar os apoios necesarios de cada vez.

Un dos aspectos máis delicados da prórroga é o que afecta ao sistema de financiamento autonómico. As entregas a conta e investimentos autonómicos pendentes quedan conxelados ao mesmo nivel que 2023, o que afectará aos gobernos autonómicos, que xa expresaron a súa queixa ao respecto. Ben é certo que se hai vontade política o Goberno podería actualizar igualmente as entregas a conta a través dunha emenda ao proxecto de lei polo que se validarán as axudas anticrise, do mesmo xeito que se fixo para actualizar o salario dos empregados públicos. Menos doado é salvar o decreto de condonación da débeda autonómica, pois sen orzamentos será case imposible facer o movemento contable de miles de millóns de euros.

Polo lado dos ingresos está no aire o que sucederá cos impostos temporais que están en vigor e que gravan a banca e as empresas enerxéticas, que o executivo pensaba transformar en permanentes a través la lei de Orzamentos. Se quere levalo adiante, deberá aprobarse por outra vía.

En definitiva, a prórroga dos orzamentos ten, a priori, un impacto importante en diversos sectores e compromisos gobernamentais. Malia todo, a acción do goberno non está impedida, pois o Executivo pode recorrer á aprobación de reais decretos que posteriormente deberá ratificar, iso si, facendo fronte a dificultades engadidas.

Isto atrapalla o proceso ademais de que a incerteza persiste respecto do desenvolvemento económico e fiscal do país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade