Nun barrio de Monforte non poden contratar fibra por un poste amarrado a unha árbore
Nun barrio de Monforte non poden contratar fibra por un poste amarrado a unha árbore
Ningunha empresa lles vende o servizo por non poder garantir dalo en condicións
O pau permanece atado a un bidueiro dende hai 9 meses para non caer á estrada
Así é como se encontra un dos postes que conducen a liña telefónica ata o barrio monfortino da Vide. Para non caer á estrada, está amarrado cunha corda a un bidueiro.
Leva xa nove meses neste estado precario, dende que os servizos de emerxencias se ocuparon de que a árbore termase do pau inclinado e evitar males maiores.
Emilio Sánchez, marmorista: "No último vendaval que houbera o aire axudou a vencer o poste, os veciños alertamos desa posible caída e os bombeiros atárono cunha corda para ter conta del".
Como consecuencia do estado en que se encontra este poste, os veciños que intentaron contratar fibra óptica topáronse con que lles dixeron que non é posible.
Trátase dunha situación aínda máis difícil de entender tendo en conta que esta zona se atopa na periferia mesmo do centro urbano do segundo núcleo de poboación máis importante da provincia de Lugo.
Ademais da veciñanza, os negocios asentados no barrio tamén están afectados pola precariedade da liña. O problema, segundo afirman, é que ningunha empresa se compromete a vender o servizo fixo de Internet por non poder garantir que o poida dar en condicións.
Montse Carballada, secretaria da Asociación de Veciños da Vide: "O problema é que non temos nin fibra nin ADSL nin nada. Non chega á parroquia da Vide e non temos forma de conectarnos a Internet".
Paula Eiriz, tesoureira da Asociación de Veciños da Vide: "Cada vez foi máis xente a que non puido contratar fibra para poder traballar dende a casa. E cada día somos máis".
Dende o colectivo veciñal da Vide xa pediron a intermediación do Concello de Monforte para que a compañía propietaria da liña telefónica subsane as deficiencias e poidan, por fin, dispoñer de fibra para acceder á rede.