Feijóo critica a proposta de financiamento autonómico do Goberno
Feijóo critica a proposta de financiamento autonómico do Goberno
Considera que hai un trato desigual entre comunidades
Galicia e as Canarias serían as máis prexudicadas na repartición segundo a Fundación de Estudos de Economía Aplicada
Galicia e as Canarias son as dúas comunidades máis prexudicadas polo reforma do financiamento autonómico que propón o Goberno. Así o constata a Fundación de Estudos de Economía Aplicada.
Nun informe, a Fedea critica que a proposta presentada a semana pasada polo Executivo non busca regras xerais de repartición entre as comunidades, senón que fai "traxes á medida" para algúns territorios en detrimento doutros.
Unha das grandes prexudicadas neste novo modelo de financiamento sería Galicia, que perdería 3 euros por habitante con respecto ao sistema actual.
Ángel de la Fuente, director de Fedea, di, "hai un intento de primar, de favorecer as comunidades do centro de España, coa idea de que están sufrindo un fenómeno de despoboamento e que necesitan axuda. E iso debería ir por outras vías, non polo sistema de financiamento"
As máis beneficiadas polo novo cálculo serían Estremadura e Aragón, que aumentarían o seu financiamento entre un 7 e un 8 por cento. A Fundación de Estudos de Economía Aplicada di que os criterios que utiliza o Goberno son cuestionables.
"Hai dúas variables novas que son un pouco sui generis e que non nos gustan nada, porque introducen certa arbitrariedade. Unha é unha repartición moi rara dos gastos fixos, que debería ser igual para todas as comunidades", asegura Ángel de la Fuente.
As comunidades autónomas están analizando esta proposta inicial do Ministerio de Facenda, e teñen ata o mes de xaneiro para realizar as súas propostas.
O presidente da Xunta critica o trato desigual que se lle pretende dar ás autonomías
"Fan traxes a medida para algunhas comunidades, e ningún deles lle serve a Galicia", asegura Alberto Núñez Feijóo.