Publicador de contidos
Publicador de contidos

O acordo UE-Reino Unido reduce as cotas de pescada e xurelo para España

O acordo UE-Reino Unido reduce as cotas de pescada e xurelo para España

A cota da pescada do norte baixa nun 20 por cento, mentres que no caso do xurelo cantábrico faino nun 12,5 por cento

Increméntase a cota do peixe sapo e do rapante entre un 7 e un 8 por cento

O Goberno satisfeito co acordo porque "dota de estabilidade a frota española"

G24.gal 22/12/2021 15:57

O acordo alcanzado entre a Unión Europea e o Reino Unido sobre as cotas pesqueiras en caladoiros compartidos suporá unha rebaixa dalgúns cotas de pesca.

O da pescada do norte para España no Gran Sol baixa nun 20 por cento, mentres que no caso do xurelo cantábrico faino nun 12,5 por cento. A cambio, incrementará os do peixe sapo e do rapante entre un 7 e un 8 por cento.

España celebrou o apoio do Consello de Ministros europeo ao acordo, xa que "dota de estabilidade a frota española", segundo sinalou o ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas.

O compromiso tamén ten outros aspectos positivos para o Goberno español, como o mantemento das cotas de alfonsinos, granadeiro e sabre negro, que son claves para cumprir coas obrigas de desembarque de capturas que establece a normativa europea.

Ademais inclúe solicitudes de asesoramento científico para a futura xestión de algunhas especies, medidas técnicas ou intercambios de cota.

Para España o acordo é satisfactorio en liñas xerais, porque os niveis de captura fixados para as diferentes poboacións de interese que se capturan en augas de Francia, Irlanda e o Reino Unido seguen as recomendacións científicas dispoñibles, pero minimizando as reducións dalgunhas comunidades de peixes.

Impacto da medida en Galicia

A especie principal para Galicia nas augas compartidas co Reino Unido é a pescada e aí a redución das capturas fixouse no 20 por cento. É menos rebaixa da que propoñía a recomendación científica, pero a máxima que o sector considerable posible.

Celeiro e Burela son os portos máis afectados. Hai que ter en conta que este ano a pescada escaseou e non se pescou toda a permitida.

Como os dereitos de pesca son individuais, cada organización, e mesmo cada armador dentro das organizacións, pode facer avaliacións diferentes da redución. Ademais da pescada, son relevantes para a frota galega o peixe sapo, que aumenta de TAC un 8 por cento e o rapante, ou meiga, que aumenta un 7 por cento. Sapo e rapante son propios dos arrastreiros, a maioría de Vigo.

Tamén se reduciu nun 12 por cento o TAC da poboación de xurelo do Cantábrico que se move en augas do Reino Unido. Reino Unido e Unión Europea xestionan conxuntamente ata 65 especies.

Rosa Quintana xa esperaba un prexuízo para a flota

A Conselleira do Mar dixo esta tarde que, desde que a pesca no Gran Sol quedou afectada polo Brexit, xa se esperaba un prexuízo para a frota e que agora ese mal agoiro queda confirmado. Rosa Quintana considera que as redución das cotas vai ter unha forte repercusión económica no sector pesqueiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade