Campaña para visibilizar o acoso escolar, agravado pola irrupción das redes sociais
Campaña para visibilizar o acoso escolar, agravado pola irrupción das redes sociais
O Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia reclama unha actuación máis rápida para atallar o problema nos centros
Ansiedade, depresión, autolesións e mesmo suicidio, as consecuencias do acoso escolar poden ser moi graves, porén, non sempre se lles proporciona suficiente atención. Por iso o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia está a realizar unha campaña para visibilizar e erradicar este problema dos centros educativos.
"Cada vez hai maior sensibilización porque fai moito dano. É un proceso moi doloroso. A vítima pásao realmente mal", describe a psicóloga Begoña Iglesias.
Varios estudos apuntan a que un de cada cinco adolescentes sofre este problema nas aulas galegas, a través de insultos, chantaxes ou mesmo agresións físicas. Mais coa irrupción das redes sociais é o ciberacoso o que está a medrar.
"Quizais haxa un aumento do ciberacoso en redes e que haxa unha diminución da agresión física, o que era antes cando non había abuso de redes sociais", mantén a psicóloga.
Os centros educativos teñen protocolos de actuación, pero os psicólogos salientan o papel dos pais no momento de detectar comportamentos anómalos nos rapaces.
"Falar co titor, despois asesorarse co departamento de orientación e ir dando xerarquicamente unha serie de pasos para atallar o problema. Canto antes actuemos menos danos se van ocasionar", asegura Begoña Iglesias.
Os psicólogos reclaman unha maior intervención profesional para frear de raíz unha problemática que non deixa de medrar.