O Aquarium Finisterrae da Coruña pon ao descuberto os seus segredos
O Aquarium Finisterrae da Coruña pon ao descuberto os seus segredos
Unha ducia de persoas goza da primeira visita guiada deste ano ás zonas técnicas
As visitas habituais ao Aquarium Finisterrae percorren só un 50 % das instalacións do museo. A actividade "Viaxe ao centro do Aquarium" leva o público á cara oculta, ás zonas técnicas que fan posible o seu funcionamento.
A idea xurdiu a partir do interese mostrado polos propios visitantes.
"No teu día a día ves o acuario exterior pero non ves o que pasa por dentro e tiñamos moito interese", di unha moza.
"É moi importante ver o que hai detrás de toda a xente que está traballando e o que custa ter este acuario en funcionamento para que todos poidamos gozar del", sinala outro visitante.
Unha das salas que chama a atención é a de cultivos, polas cores do fitoplancto en crecemento.
"Son algas minúsculas que temos no mar que nos serven para dar de comer, para manter, outros animais do acuario", explica o director técnico do centro.
Pero da visita sorprenden sobre todo os números. Na cociña prepáranse ao ano 20 toneladas de comida.
"Manexamos diariamente entre 40 e 150 quilos de comida na cociña, que hai que preparar para cada un, coas súas dietas, cortada ao tamaño preciso", relata Francisco Armesto.
E se falamos da auga, entran 300 metros cúbicos á hora. A sala de bombeo e filtración está sempre en marcha.
"O noso acuario recolle a auga mariña na baía do Orzán, a 200 metros do acuario e a 20 metros de profundidade. Desta forma garantimos a mellor calidade de auga", afirma o director técnico do acuario.
As visitas están abertas a maiores de dezaseis anos, realízanse en grupos de non máis de doce persoas unha vez ao mes e custan dez euros.