Os museos científicos foron os máis visitados da Coruña en 2024
Os museos científicos foron os máis visitados da Coruña en 2024
O Aquarium Finisterrae, a Domus e a Casa das Ciencias recibiron medio millón de visitantes
Durante 2024 os museos científicos da rede municipal da Coruña recibiron preto de medio millón de visitas. As máis de 243.000 persoas que recibiu a Casa dos Peixes en 2024 sitúana no primeiro posto entre os museos máis concorridos.
"Normalmente aproveitamos para ir cos nenos os días que a entrada é de balde e moiben, gústannos moito", comenta unha coruñesa que ten dúas nenas.
Son os tres recintos culturais con máis aceptación da cidade, pero a oferta museística e expositiva é moito máis ampla. O castelo de Santo Antón, que alberga o Museo Arqueolóxico, rozou as cen mil entradas despachadas.
"Encantoume, moi fermoso e moi interesante. Para botar máis tempo alí", dinos unha visitante arxentina.
Polo Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, o Muncyt, pasan cada ano unhas cincuenta mil persoas e polo Museo de Belas Arte ao redor de 30.000. Entre as Casas-Museo a que esperta máis interese é a que habitou Picasso de neno nos tres anos e medio que viviu na Coruña. En xeral, o nivel de satisfacción coa oferta museística da cidade é bo.
"Non é como se vas a Londres ou Madrid, pero para A Coruña está moi ben", opina unha muller que visitou hai pouco o Museo de Belas Artes.
Unha oferta que ademais se completa con propostas culturais moi ben acollidas.
"Imos ver unha exposición que hai no porto, creo que de fotografía. Algo relacionado coa filla de Marta Ortega", di un home non demasiado informado.
Refírese á exposición de Irving Penn da Fundación MOP. A anterior, dedicada ao fotógrafo Helmut Newton, superou os cento trinta mil visitantes.