O acusado de matar a súa nai en Oroso vincula a súa morte a unha posible "asfixia" con pastillas
O acusado de matar a súa nai en Oroso vincula a súa morte a unha posible "asfixia" con pastillas
A Fiscalía pide 20 anos de prisión por asasinato e 12 polo incendio que, presuntamente, ocasionou na casa para dificultar a investigación
O xuízo celébrase con xurado popular
Visiblemente nervioso e entre bágoas, o acusado declarou que el non asfixiou a súa nai nin lle fixo nada. Contou que polas noites a ela lle daban portes ataques de tose e que, ao inxerir as pastillas que tomaba, se puido asfixiar: "Eu non a estrangulei, nin lle fixen nada", asegurou.
Respecto ao delito de incendio que se lle imputa para, supostamente, dificultar a investigación, o procesado sinalou que non o lembra. "Non podo dicir nin que si nin que non", puntualizou.
"Cando me levantei, fun vela e xa estaba pálida", explicou respecto á mañá dos feitos e engadiu que nese momento se puxo "moi nervioso" e comezou "a beber". "A miña resposta foi totalmente ilóxica, tiña que chamar ao 112, pero non sei por que non o fixen", sinalou.
Os feitos polos que é investigado remóntanse ao 4 de xuño do 2021 e, xusto esa mañá, el e mais a súa nai ían ser desafiuzados do seu piso de Sigüeiro, onde convivían, polo impago de 60.000 euros da súa hipoteca, malia dispor duns 40.000 euros. Unha situación polo que, segundo declarou, a súa proxenitora estaba moi nerviosa e dicíalle que se quería suicidar, pero que non tiña forzas e que tampouco llo quería pedir a el para non arruinarlle a vida. "Non lembro nada máis ata espertar dous días despois no hospital por un coma etílico", explicou.
Porén, para a fiscalía non hai dúbidas. Di que aproveitando que a súa nai non se podía defender ao estar baixo os efectos narcolépticos, asfixiouna empregando unha peza de roupa, probablemente unha camiseta. Despois, engadiu, prendeulle lume ao edificio, poñendo en risco o resto dos veciños do inmoble, para destruír probas e dificultar a investigación.
E concluíu, lendo na sala, unhas mensaxes que o procesado lle enviara á letrada que levaba o caso do seu desafiuzamento. Nelas dicíalle que non fora ese día porque ía ser desagradable, que el fora quen matou a súa nai. Amais, dáballe unhas indicacións para o enterro de ambos e tamén das últimas vontades.
O Ministerio Público acúsao dun delito de asasinato e doutro de incendio e pide para el un total de 32 anos de cadea. A defensa, pola súa banda, solicita a libre absolución.