O acusado do crime de Oza-Cesuras non recoñece o asasinato, pero si que fora á casa roubar
O acusado do crime de Oza-Cesuras non recoñece o asasinato, pero si que fora á casa roubar
Un dos gardas civís declarou que non atoparon nada que evidenciase a presenza dunha terceira persoa
Malia que o acusado do asasinato dunha muller unha muller, dun disparo na cabeza no concello coruñés de Oza-Cesuras, en xaneiro do 2021, declarará unha vez finalizada a práctica da proba, esta mañá afirmou ser inocente do delito de asasinato, pero si admitiu que fora á casa da vítima, en Oza-Cesuras, a roubar.
Porén, para a fiscala non hai dúbidas. Asegurou que aquela noitiña de xaneiro de 2021, el dirixiuse ao domicilio da vítima preparado con todo o necesario e coa única intención de matala.
"Sabemos que é un crime motivado por unha vinganza e que se desencadea por motivos laborais, cuxo xerme é unha relación persoal e estreita entre a muller do acusado e o marido da vítima", explica a fiscala.
A acusación particular ten claro que o investigado actuou só, cun plan preconcibido e asegurándose, de xeito certeiro, a morte de Cristina.
"Hai moitas probas que avalan a nosa acusación e probas forenses que demostran que o procesado efectuou o disparo mortal", di a avogada da acusación particular.
A defensa, pola súa banda, expuxo que a tarde de autos o seu patrocinado fora mercar droga, que se atopara con outro home e que decidiran ir roubar a esa casa de Oza-Cesuras para poder vender despois os obxectos con máis facilidade. Amais asegurou que apareceu ADN doutro varón non identificado no corpo da vítima e unha pisada de zapato que non era do procesado.
Porén un dos gardas civís que declarou esta mañá manifestou que non atoparon nada que evidenciase a presenza dunha terceira persoa no lugar dos feitos.