Publicador de contidos
Publicador de contidos

O aeroporto de Peinador, pechado por obras na pista ata o día 31

O aeroporto de Peinador, pechado por obras na pista ata o día 31

Hoxe comezaron os traballos de remodelación da pista, que abrirá previsiblemente dentro de 25 días

Durante todo o mes non hai voos programados na terminal viguesa

A terminal viguesa de Peinador, pechada por obras desde esta mañá A terminal viguesa de Peinador, pechada por obras desde esta mañá
G24.gal 06/05/2024 11:50 Última actualización 06/05/2024 13:29

O aeroporto de Vigo amenceu esta mañá practicamente deserto. Este luns comezaron as obras da súa nova pista. Uns traballos que se prolongarán durante 25 días e que previsiblemente estarán rematados o vindeiro 30 de maio.

Durante as vindeiras tres semanas a actividade aérea estará totalmente paralizada. Non engalarán nin aterrarán voos. A meirande parte das conexións serán desviados á terminal compostelá da Lavacolla, que reforzou xa os voos con Madrid. 

A obra en cifras

O aeroporto de Vigo pechou a súa pista para executar as actuacións de rexeneración profunda do pavimento da pista dentro da obra de renovación do campo de voos.

Os traballos na pista, de 2.385 metros de lonxitude e 45 metros de ancho, suporán a demolición de máis de 29.000 metros cúbicos de pavimento e estenderanse preto de 71.000 toneladas de asfalto.

Esta obra, que foi adxudicada á UTE Padecasa, Infraestruturas Conelsan e Insae Infraestruturas por 23.622.000 euros netos, recolle tamén a substitución completa da iluminación aeronáutica por tecnoloxía led, a renovación da drenaxe da pista e actuacións na plataforma de viraxe dos avións, segundo informa Aena.

O aeroporto de Vigo executará ata o día 31 deste mes as actuacións de rexeneración profunda do pavimento da pista O aeroporto de Vigo executará ata o día 31 deste mes as actuacións de rexeneración profunda do pavimento da pista

O último voo comercial que aterrou en Peinador antes de que empezasen os traballos foi o de Air Europa procedente de Madrid, que tomou terra ás 20:36 de onte, domingo. A aeronave partiu posteriormente cara a Madrid ás 21:44 horas, con case 40 minutos de atraso sobre o horario previsto. Os pasaxeiros encaixan as obras con resignación.

Mentres duren as obras, A Lavacolla incrementará temporalmente as conexións diarias con Madrid e as illas Canarias, e tamén haberá reforzos con Barcelona. A meirande parte dos pasaxeiros que ata agora empregaban Peinador terán que trasladarse á terminal compostelá. Os primeiros xa o fixeron esta mañá.

As datas de peche foron coordinadas con todos os axentes implicados para que reorganizasen a súa actividade neste período en que Peinador estará pechado. As compañías aéreas reformularon o seu persoal de voos ou aumentando a capacidade dos seus roteiros nos aeroportos máis próximos.

As empresas que desenvolven a súa actividade no aeroporto, como as de alugueiro de coches, tamén moverán a súa frota.

Calcúlase que A Lavacolla sumará este mes 80.000 pasaxeiros. Mentres non rematen as obras en Peinador, as compañías escolleron o aeroporto de Santiago para manter as súas conexións con Galicia. 

As empresas de alugueiro de coches notan o incremento de pasaxeiros. Tamén os taxis e os buses. 

Agárdase que a terminal viguesa retome a actividade o vindeiro 31 de maio, cando as obras da pista estean rematadas. O ano pasado preto de 100.000 pasaxeiros (98.562) empregaron o aeroporto de Vigo e realizáronse máis dun milleiro de operacións (1.189) durante todo o mes de maio.

Aínda que se evitou a tempada alta, o peche de Peinador afectará eventos como a feira internacional da industria do naval, Navalia, que se celebrará o 21, 22 e 23 deste mes a uns metros do aeroporto, nos pavillóns do Ifevi. Os organizadores de Navalia preparan buses para trasladar aos seus visitantes e expositores desde Santiago de Compostela e O Porto (Portugal).

O Concello de Vigo tamén previra poñer transporte desde a cidade máis poboada de Galicia ao Aeroporto de Santiago, pero o mes pasado precisou que finalmente non fretará autocares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade