O afundimento dunha estrada na China provoca 48 mortos e unha trintena de feridos
O afundimento dunha estrada na China provoca 48 mortos e unha trintena de feridos
As causas da derruba están a ser investigadas, pero sospéitase que podería deberse á forte choiva que azoutaron a rexión nos últimos días
As autoridades chinesas sinalan que 48 persoas faleceron e outras trinta quedaron feridas tras o derrube este mércores dun tramo dunha autoestrada na provincia meridional chinesa de Cantón.
O accidente ocorreu ás 02:10 hora local (18:10 GMT do martes), e afectou a unha área de aproximadamente 184,3 metros cadrados. Quedaron atrapados vinte e catro vehículos.
Nos labores de rescate participan máis de 500 persoas. Os rescatadores tentan liberar a todos os vehículos e recuperar os corpos das vítimas do accidente.
Os trinta feridos foron trasladados a hospitais próximos, e xa están fóra de perigo.
As causas da derruba aínda están a ser investigadas polas autoridades, aínda que se sospeita que podería deberse a fortes choivas que azoutaron a rexión nos últimos días.
O presidente chinés, Xi Jinping, reclamou que se fagan "os esforzos necesarios para reparar as estradas danadas e restablecer a orde do tráfico canto antes".
Nos últimos meses producíronse varios accidentes no xigante asiático polo colapso de infraestruturas, como o pasado mes de decembro, cando tres persoas morreron e outras catro resultaron feridas na provincia chinesa de Mongolia Interior (norte) ao derrubarse un tramo dunha autoestrada.