O alcalde de Cambre dimite ante o bloqueo administrativo no Concello
O alcalde de Cambre dimite ante o bloqueo administrativo no Concello
Óscar García Patiño: "Aínda que non son o problema, podo ser a solución"
O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, anunciou a súa dimisión polo bloqueo administrativo e do pago de facturas: "Aínda que non son o problema, si podo ser a solución".
Nunha conferencia de prensa este xoves no concello, tras coñecerse a súa decisión de abandonar o cargo como rexedor, García Patiño sinalou que é unha "decisión pensada, meditada e estudada": "É a mellor solución que hai neste momento para que Cambre volva ao bo camiño".
O rexedor, que leva no cargo desde 2015, denunciou que "cada día son máis as dificultades que se nos poñen para facer calquera tipo de xestión coa administración" pois existe unha situación de bloqueo por parte da interventora e a secretaría do Concello.
Óscar García sinalou que "o máis fácil sería poñerse de perfil e seguir cobrando 40.000 euros ao ano durante os próximos tres anos", pero, recoñeceu, el sempre "dá a cara" porque "antes de político" é "veciño".
"Metinme en política e fundei unha partido -Unión por Cambre- para que en Cambre se fagan cousas e sexa un referente na comarca, para traballar e xestionar, pero non me deixan", lamentou.
Recoñeceu que esta é unha "lexislatura complicada" con "falta de persoal en todos os departamentos" e cunha "pública animadversión" cara ao propio alcalde, que agora se bota ao carón aínda que insistiu en que "non" se considera "culpable".
O ata o de agora rexedor de Cambre, que sente unha "impotencia total", comentou que só este concello "atópase en situación de bloqueo que se fai desde dentro da lei, desde o máis estrito coñecemento", con atrasos en contratacións e facturas que non se pagan.
"Espero que esta situación cambie coa miña dimisión", manifestou, á vez que criticou a "pouca lealdade da oposición" nesta situación.
García Patiño, que asegurou que continuará no partido, informou de que "son moitas as empresas que están a denunciar ao Concello e moitas máis que anuncian o cesamento do servizo ou da subministración".
Explicou que, na actualidade, a débeda cos provedores ascende aos "5 millóns de euros", mentres que "o remanente de tesourería do Concello é de 23 millóns de euros", o que pon de manifesto que o bloqueo de Cambre "non se debe a un problema de solvencia económica".
Así, recoñeceu que "despois de moito traballar e buscar alternativas que só recibiron un non por resposta" decidiu dimitir tras "meses moi duros".