Publicador de contidos
Publicador de contidos

O arco antienvorco e o cinto, seguros de vida no tractor

O arco antienvorco e o cinto, seguros de vida no tractor

No que levamos de ano houbo 35 accidentes de tractor, algúns con vítimas mortais 

O perfil máis habitual é o dunha persoa maior que envorca cun tractor antigo

 

G24.gal 03/05/2023 14:37

A imaxe repítese con demasiada frecuencia. Accidentes de tractor nos que unha persoa maior morre por aplastamento despois de envorcar.

"Foi a máis, de 86 accidentes en 2020, a 101 no 2022 e 35 no que vai de ano. Moitos teñen vítimas mortais, é preocupante porque sobrepasa os accidentes de tráfico con vehículos utilitarios normais", explica Marcos Araújo, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias.

Malia que os sinistros se producen con tractores, o perfil que máis accidentes ten non é o dun agricultor profesional en activo.

"O profesional en activo renova maquinaria e está ao día nos sistemas de seguridade. Adoita ser xente maior que prepara as leiras na casa e non renova por custos ou porque usa o tractor moi pouco", comenta Patricia Mata, comercial de agrícola Agrivama de Teo.

O cinto e os arcos antienvorco son fundamentais para salvar a vida en caso de accidente. Por iso é fundamental instalalos nos tractores vellos que non o traen de serie, sempre que sexa posible.

"O importante é que teña arco para que non envorque, cinto para que non saia despedido e pechar cada vez máis ao conductor no posto para que nada o lastime, nas pernas por exemplo", di Patricia.

Amais cómpre evitar os excesos de confianza e extremar as precaucións en pendentes e terreos irregulares e mollados. Sinalizar e levar o apeiro axeitado tamén é fundamental.

"Cando levamos apeiros de labranza, sobre todo nas curvas, o tractor vólvese inestable e a inercia das curvas tamén provoca envorcos, non é a primeira vez que pasa", engade o xerente da Axencia Galega de Emerxencias.

E se todo falla e hai envorco, o consello é non soltar o volante e permanecer dentro do vehículo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade