O arroaz Manoliño recupérase xa libre do arponazo
O arroaz Manoliño recupérase xa libre do arponazo
Descoñécese como o golfiño se liberou da frecha logo de que fracasaran varios intentos para sacarlla
"O ideal sería que o arroaz nunca volvese confiar en nós, que non volvese achegarse a nós, que aprendese e intentase volver cos seus", din desde a Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños
Aos seus seis anos, a vida de Manoliño xa foi moi tráxica, rexeitado polo seu grupo e afastado da súa nai. Comezou a súa vida errante pola ría de Muros-Noia e axiña se converteu nunha estrela coa que todo o mundo quería xogar e fotografarse, algo que é prexudicial para o animal.
Así o explica Alfredo López, Biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA): "Xogando con Confi, onde está en cada momento, os milleiros de persoas que se bañaron con el na praia, o primeiro mergullador que o tocou. Todos temos unha cota de responsabilidade".
O máis grave foi o arponazo que recibiu coa clara intención de matalo. Desde a CEMMA tentaron achegalo a terra para extraerllo pero a desconfianza do animal fíxoo imposible. "Durante os operativos houbo momentos de contacto directo con el, puidemos collelo e tocalo pero non atrapalo para sacalo da auga. Neses operativos houbo oportunidade de retirar o arpón cunha chave especial que teñen para desmontalo pero non foi efectivo", rememora López.
O aparello debeu afrouxar e caer. Desta agresión deberían quedarnos dúas aprendizaxes segundo a CEMMA: "O mar é deles. É de todos os animais que viven nel. Non é o noso medio e temos que aprender a respetalo e aos que viven nel. O ideal sería que o arroaz nunca volvese confiar en nós, que non volvese achegarse a nós, que aprendese e intentase volver cos seus. Verase co tempo...", reflexiona Uxía Vázquez, oceanógrafa.
O próximo reto é deixalo tranquilo para que se recupere e evitar ter contacto con el para permitirlle seguir ceibe na ría de Muros ou buscar outros mares.