Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Ártabro atraca en Vigo tras finalizar a misión de inspección do Villa de Pitanxo

O Ártabro atraca en Vigo tras finalizar a misión de inspección do Villa de Pitanxo

O robot submarino que transportaba gravou imaxes dos restos do buque e das súas inmediacións que servirán como proba na investigación das causas do naufraxio

G24.gal 12/06/2023 13:01

O buque Ártabro, da empresa ACSM Shipping, atracou na mañá deste luns na ría de Vigo tras finalizar a misión de busca, localización e inspección do pesqueiro Villa de Pitanxo, naufragado en xaneiro de 2022 en augas de Terra Nova, no Canadá.

Tras partir precisamente de Vigo o pasado 17 de maio, o barco volveu a navegar por augas da ría viguesa sobre as 12:00 horas, cando foi remolcado ata o antigo porto de granito, situado en Rande, Redondela.

O Ártabro regresou a Vigo despois de inspeccionar o pecio do Pitanxo co robot submarino que transportaba, gravando imaxes dos restos do buque e das súas inmediacións no fondo do océano, sen que se atopase ningún corpo dos mariñeiros aínda desaparecidos. Esas imaxes servirán de probas para a investigación do naufraxio.

 A localización do pecio, a priori a fase máis complicada, completouse con éxito e máis rápido do agardado. As últimas coordenadas do pecio axudaron e tamén as condicións meteorolóxicas na zona.

Atopárono a uns 750 metros de profundidade no lugar do naufraxio o 15 de febreiro do ano pasado. Durante tres días un robot gravou a estrutura do barco e tamén os aparellos que tiña largados no momento do afundimento. Foron dúas inmersións de seis horas cada unha en que non localizaron ningún corpo.

As gravacións realizadas, con gran nitidez segundo os responsables da empresa, chegaban esta mañá, vinte seis días despois, a bordo do Ártabro custodiadas polos cinco peritos que viaxaban a bordo e que decidiron a finalizacion da misión.

Serán entregadas á Comisión de Investigación integramente. As familias agardan que as imaxes sexán concluíntes para a causa xudicial aberta na Audiencia Nacional.

Confían en que a instrución culmine en febreiro de 2024 e que a finais de ano ou a comezos de 2025 se celebre o xuízo. No afundimento do Pitanxo faleceron 21 tripulantes dos que 12 aínda seguen desaparecidos.

O Villa de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terra Nova en febreiro de 2022. Faleceron 21 dos 24 mariñeiros que ían a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos trataron de pescudar que sucedeu, polo que sempre pediron baixar ao pecio para buscar probas.

Durante a instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín, en calidade de investigado, ao seu sobriño Eduardo Rial e ao mariñeiro Samuel Kwesi, como testemuñas, ao ser os únicos sobreviventes do naufraxio.

A investigación xudicial débese a que Samuel Kwesi ofreceu unha versión que contradi a exposta por Padín e Rial, e que apuntaría a posibles neglixencias por parte destes que desencadearían na traxedia.

Tras tomarlles declaración, o maxistrado prohibiu saír de España ao patrón do pesqueiro, retiroulle o pasaporte e impúxolle a medida cautelar de comparecer cada quince días en sede xudicial e estar localizado. Agora, a inspección do barco servirá de proba para o caso.

Malia que as probas practicadas son confidenciais ao formar parte dun proceso penal, nas últimas datas o xornal Faro de Vigo aseguraba nunha información que os peritos atoparon indicios de neglixencia por parte do patrón do pesqueiro.

O Villa de Pitanxo foi localizado a uns 800 metros de profundidade, íntegro e lixeiramente escorado a babor. Apenas se moveu do punto onde naufragou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade