Belén do Campo: "Non temos esta presión do xabaril porque baixara o número de cazadores"
Belén do Campo: "Non temos esta presión do xabaril porque baixara o número de cazadores"
A directora xeral de Patrimonio Natural sinala que os avisos ao 112 por danos causados polo xabaril triplicáronse nos seis últimos anos, ata chegar aos máis de 4.000 rexistrados na última campaña
Nunha entrevista na Radio Galega, Do Campo afirma que a maior presenza do xabaril detectada nos últimos anos débese máis aos cambios de hábitos destes animais
Ante a inminente apertura, o vindeiro sábado, 16 de setembro, da emerxencia cinexética para o xabaril declarada pola Xunta, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, sinala que os cazadores poderán abater ou capturar xabarís sen límite de exemplares en 248 concellos, máis do 80 % do territorio. Entre eles, nas áreas metropolitanas das sete principais cidades.
Na anterior campaña, 22/23, capturáronse 19.000 xabarís e o teléfono 012 recibiu máis de 4.000 avisos por danos causados por estes animais, 900 máis que na tempada anterior.
O número de avisos é un dos cinco parámetros utilizados por Medio Ambiente para determinar as 37 comarcas con maior actividade do xabaril. Tamén se tivo en conta a superficie afectada, o número de marráns domésticos en cada comarca susceptibles dun potencial contaxio de doenzas, como a peste porcina africana, por parte do xabaril ou a cifra de accidentes de trafico provocados por estes animais.
En todo caso, para Belén do Campo, o aumento dos danos causados polo porco bravo e a maior presenza destes animais en zonas urbanas ou periurbanas débese ao cambio de hábitos dos xabarís e non ao descenso do número de licenzas de caza en Galicia.
"Eu non quero en ningún momento dicir que porque baixara o número de cazadores temos esta presión. Entendo que os movementos do xabaril son diferentes e o que estamos percibindo é que o xabaril está achegándose máis preto das zonas onde habita a xente na procura de alimento e seguridade, porque non se ven xa acosados en zonas onde os cazadores non poden entrar".
Os agricultores afectados por danos causados polo porco bravo poden solicitar que se autorice a caza despois de denunciar os estragos.
Segundo a directora xeral de Patrimonio Natural, esta era unha das razóns do incremento das xornadas de caza do xabaril nos últimos anos. Pasouse de autorizar 92 xornadas hai seis anos, ata as 184 do ano pasado.
"O normal é que despois de denunciar os danos, o agricultor ou gandeiro se poña en contacto co tecor desa zona. Cómpre lembrar que moitos dos cazadores que temos en Galicia son agricultores e gandeiros que eles mesmos sofren o problema e están a carón do propio agricultor. Esta é a razón do incremento nos últimos anos dun 45,6 % das xornadas de caza".
Na entrevista na Radio Galega, a directora xeral de Patrimonio Natural fixo tamén fincapé na necesidade de informar a poboación sobre como actuar ante a presenza do porco bravo.
"Hai que intentar que os cidadáns non se acheguen aos animais a facerse fotos. Son animais silvestres. Estamos vendo vídeos e fotografías que, en certa medida, nos dan medo. A xente pensa que os xabarís non van actuar, pero poden actuar".