Publicador de contidos
Publicador de contidos

O aumento de peregrinos en inverno alonga a temporada dalgúns albergues ata o Nadal

O aumento de peregrinos en inverno alonga a temporada dalgúns albergues ata o Nadal

 Este novembro entregáronse 11.283 compostelas, dúas mil máis ca o ano pasado 

G24.gal 12/12/2022 14:03

Yolanda tiña experiencia como peregrina e como hospitaleira e hai tres anos decidiu montar o seu propio albergue nunha casa da zona histórica de Caldas de Reis. O habitual é que este tipo de aloxamentos pechen a temporada cando os camiñantes empezan a ir a menos porque non lles compensa manter abertas as súas grandes dependencias se a ocupación é moi baixa.

Yolanda di que os albergues sofren "o golpe do inverno". Ese golpe nótano xa en outono, pero está sorprendida porque este ano se está demorando moito máis do habitual. "Novembro foi moito mellor ca setembro; é incrible que sigan facendo o Camiño a estas alturas". 

As estatísticas da Oficina do Peregrino confirman esta tendencia. En novembro entregáronse 11.283 compostelas, dúas mil máis que en novembro do ano pasado. Amais de alongar a temporada, os camiñantes van marcando tamén outros cambios de tendencia nos albergues. Segundo Yolanda o peregrino pide cada vez unha mellor atención e este ano aumentou moito a proporción de mulleres. No seu establecemento di que notou un aumento que pasou do 45 % en anos previos ata un 60 % no actual. 

Aínda que se manteñen como a alternativa máis económica, estes aloxamentos tampouco se libran da suba xeral dos prezos. Yolanda nótao ata no custo do orixinal selo de lacre co que avala que os peregrinos fixeron pousada no Albergue Albor. Di que, pese a todo ata en novembro cubriu gastos, algo que lle parece incrible. E di que en decembro tamén conta ter algúns ingresos, se o prezo da luz non lle da ningunha sorpresa. 

Para axudar a evitalo, este ano decidiu armar unha decoración de Nadal que fose vistosa sen necesidade de ter que enchufala. Gústalle participar nesta tradición que hai en Caldas de decorar os balcóns e os escaparates por estas datas porque di que repercute para ben na vida da vila e na do albergue. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade