O autor do dobre crime de Soutomaior, condenado a 40 anos de prisión
O autor do dobre crime de Soutomaior, condenado a 40 anos de prisión
O Tribunal do Xurado declarárao culpable de asasinar a súa irma e a súa sobriña
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a 40 anos de cárcere a Miguel Gil, veciño de Soutomaior que asasinou a tiros a súa irmá, de 62 anos, e a súa sobriña, de 26 anos, en agosto de 2020. Ademais, imponlle o pago dunha indemnización que suma 257.260 euros a tres familiares das vítimas.
Na sentenza, o maxistrado presidente indica que o investigado, tras coller unha pistola, dirixiuse ás vítimas, as cales colleran unha escaleira que lle reclamaban porque lla prestaran antes, e disparoulles coa intención de acabar coa súas vidas, "de forma sorpresiva para elas e a curta distancia, evitando así calquera posibilidade de defenderse".
O xurado, que baseou o seu veredicto tanto nos informes forenses como no informe técnico policial e de inspección ocular, considerouno culpable de dous delitos de asasinato, coa concorrencia, en ambos, da circunstancia de aleivosía, e, ademais, no da súa irmá, a agravante de parentesco, e como autor dun delito de tenza ilegal de armas.
O xurado desbotou por maioría a atenuante de confesión que propoñía a Fiscalía, ao entender que o acusado confesou o crime porque "non lle quedou outro remedio", xa que as probas contra el eran evidentes.
Puntualizaron os integrantes do xurado que non colaborou coa Garda Civil desde o principio, porque agochou a arma e tamén hai probas de que alterou a escena do crime.
Tamén rexeitaron o argumento da defensa de que actuou en lexítima defensa por un medo insuperable, porque quedou probado que, pese a ter rasgos de personalidade antisocial e paranoide, non estaba incapacitado para coñecer os seus actos e as súas consecuencias.
"Viñeron buscar a morte"
O autor do dobre crime, agora xa condenado, asegurara na primeira xornada do xuízo que actuara en lexítima defensa.
A súa declaración comezara coa sorprendente confesión, sen ningún tipo de remordemento, recoñecendo que disparou á súa irmá e súa sobriña. Alegou que o ameazaron cun machado e unha aixada e que non tiña máis saída que matalas. "Viñeron buscar a morte", dixo.
As vítimas, coas que mantiña un mala relación dende había anos, acudiron á vivenda de Miguel Gil supostamente para pedirlle unha escaleira que lle prestaran e el respondeulles con dous disparos de pistola.
Un alcanzou no corazón a súa irmá, de 62 anos, e outro impactou no esterno da sobriña, de 26. Ambas faleceron no acto. O acusado di que as mulleres o ameazaron cun machado e unha aixada.
A Audiencia explica na sentenza publicada este martes que no xuízo non se cuestionou que o acusado disparase, “senón se esa conduta a levou a cabo dunha forma aleivosa ou como solución ante unha situación de medo que lle xerou a necesidade de defenderse”.
O Tribunal do Xurado, tal e como consta na resolución, considerou por unanimidade probada a existencia de aleivosía “polo sorpresivo do emprego dunha pistola”, pois ninguén sabía que a tiña, e “polo seu emprego a unha distancia tan curta, que viña asegurar o seu propósito, a parte de que o emprego de tal arma viña situar ás súas vítimas nunha situación de indefensión”.
“En definitiva, o Tribunal do Xurado vén fundamentar a concorrencia da circunstancia da aleivosía non só na extremada potencialidade do instrumento utilizado, que eliminaría a eficacia de calquera defensa, senón no factor sorpresa, sendo irremediable o resultado, estando privadas as vítimas de calquera posibilidade de escapar ao mesmo”, salienta a Audiencia na sentenza, contra a que cabe presentar recurso.