O avogado de Puigdemont e o narco Sito Miñanco irán finalmente a xuízo por branqueo
O avogado de Puigdemont e o narco Sito Miñanco irán finalmente a xuízo por branqueo
Pedían que se estimase a excepción de cousa xulgada, ao ser xa xulgados anteriormente por feitos similares aos da operación Mito.
A Audiencia Nacional rexeitou as peticións do narcotraficante galego José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, e do avogado Gonzalo Boye de non ser xulgados por branqueo de capitais na operación Mito, relativa á introdución de case catro toneladas de cocaína e a estrutura creada para ocultar os beneficios por distintas vías.
Nun auto notificado este xoves, a sección terceira do Penal desestima os artigos de previo pronunciamento presentados por Sito Miñanco e o avogado do expresidente catalán Carles Puigemont en que pedían que se estimase a excepción de cousa xulgada, ao ser xa xulgados anteriormente por feitos similares aos da operación Mito.
Boye, ademais, solicitaba a inhibición da causa á Audiencia Provincial de Madrid e que se expuxese unha cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).
O caso de Sito Miñanco: os cartos do narcotráfico
Sito Miñanco, procesado nesta causa por narcotráfico e branqueo de capitais, pedía que se estimase a excepción de cousa xulgada polo segundo dos delitos, debido a que xa fora xulgado e condenado polos mesmos feitos nunha sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra de xaneiro de 2019.
A sala sinala que, tal e como pon de manifesto o escrito de conclusións provisionais da Fiscalía, resulta que o delito de branqueo de capitais polo que se acusa na operación Mito non é polos mesmos feitos que polos que foi condenado pola Audiencia de Pontevedra.
Explica que non se refiren ao mesmo espazo temporal, que alcanza no caso do tribunal galego ata 2012, senón que ocorrerían entre os anos 2016 e 2018.
Ademais, a sala sinala que a actividade delituosa da que procederían os bens introducidos na economía regular refírense á súa actuación nese período e mentres se atopaba cumprindo unha condena de 16 anos e 10 meses de prisión por delito contra a saúde pública, que, desde 2016, cumpría nun centro en réxime de terceiro grao.
Gonzalo Boyé: acreditación de orixe de cartos ilícitos
Pola súa banda, Boye consideraba que os feitos dos que o acusan xa se xulgaron nun procedemento contencioso-administrativo aberto por mor do comiso de diñeiro que levaban varios investigados nas súas maletas no aeroporto de Baraxas.
O fiscal acusa a Boye de presentar no devandito procedemento administrativo contratos elaborados adrede coa finalidade de acreditar a orixe do diñeiro intervido.
Para o Tribunal, non existe nin identidade de feitos, nin de suxeitos no caso de Boye, entre os procedementos administrativos, contencioso-administrativo e este, referente ao branqueo de capitais da operación Mito, polo que non pode apreciarse a excepción de cousa xulgada.
A sala rexeita tamén expor unha cuestión prexudicial ao TXUE ao tratarse de cuestións que poden resolverse a través dos trámites previstos na lexislación española.
Desestima igualmente a declinatoria de xurisdición en favor da Audiencia de Madrid debido a que a conexión dos delitos investigados e co fin de non romper a continuidade da causa, é necesario que sexan parte dun mesmo procedemento.