O Avril circula en probas entre Ourense e Santiago e polo Eixo Atlántico
O Avril circula en probas entre Ourense e Santiago e polo Eixo Atlántico
As comprobacións estanas realizando dende as doce ata as cinco da mañá
A entrada en funcionamento deste tipo de trens Avril suporía un avance importante na alta velocidade en Galicia
Un tren Avril circula estas noites, en probas, entre Ourense e Santiago para a súa homologación na liña de alta velocidade con ancho ibérico. A homologación é o paso previo á chegada do AVE a Vigo, Santiago e A Coruña, aprazada en diversas ocasións.
Dende o sábado pasado, está en Ourense un dos trens de ancho variable Avril fabricados por Talgo, os únicos cos que será posible prolongar a alta velocidade dende a cidade das Burgas ata Santiago e o eixo atlántico, entre Vigo e A Coruña.
O convoi realizará as probas durante esta semana, en horario nocturno, no tramo Ourense- Santiago. Está autorizado a superar os 360 quilómetros por hora no tramo de ancho ibérico da liña galega de alta velocidade, pero, cando entre en servizo, non pasará dos 300.
A explotación comercial dos Avril estaba prevista para este verán, coincidindo co Xacobeo, pero quedou aprazada ata maio do ano que vén por diversos problemas entre as empresas implicadas, Renfe, Adif e Talgo. A Galicia, destinarán sete ou oito unidades.
A primeiros de xuño, o Avril realizou probas na liña galega de ancho estándar, ata o cambiador de Taboadela, nas proximidades de Ourense .
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, aplaudiu a nova pero asegura que o goberno chega tarde con Galicia.
"Unha boa nova, pero o certo é que chega tarde, ía ser para este verán para aproveitar a atracción turística do Xacobeo e vemos que unha vez mais se incumpre este compromiso. Pedimos ao goberno de España concreción, e o que urxe son explicacións".