Publicador de contidos
Publicador de contidos

O barrio ourensán de Covadonga leva nunha semana tres incendios a carón das casas

O barrio ourensán de Covadonga leva nunha semana tres incendios a carón das casas

Os veciños están moi preocupados por estes incidentes e por outros problemas de seguridade 

G24.gal 28/08/2024 14:16

As lapas achegáronse moi preto das vivendas de Covadonga por terceira vez nunha semana. Os veciños deste barrio de Ourense sumáronse aos labores de extinción para evitar que prendese o lume nas súas casas. 

"Estabamos arriba e oímos un ruído. Miramos pola ventá e estaba ardendo. Baixamos a apagar o lume. Non chegaban as mangueiras e tivemos que recorrer á piscina. Veu un veciño a axudarnos e máis ou menos puidemos controlalo ata que chegaron os bombeiros", di Cristina, unha veciña afectada.

Os máis afectados, os residentes das casas situadas a carón dos incendios, están preocupados por este problema que se repite cada vez con máis frecuencia.

"Nós vivimos aquí desde hai anos e cada dous por tres hai incendios porque se poñen nas casas de atrás a fumar e facer cousas que non deben e nós sufrimos as consecuencias".

Os incendios non son o único problema que sofren neste barrio. As casas abandonadas utilízanse como lugares de consumo de droga e acumulan lixo fóra e dentro. 

"Hai nenos pequenos e aquí anda entrando e saíndo xente con xiringas, fumando e meténdose cousas... É desagradable tamén".

Ademais intentaron entrar nesta vivenda, onde xa optaron por poñer un cadeado na ventá. Os afectados queren que se tomen medidas para garantir a seguridade.

"Pedimos que o alcalde bote man disto e bote estas casas abaixo, que pare a situación. Nós non podemos estar cada dous por tres pendentes de arde a casa ou non arde. Esta é unha situación de abandono!".

Reclaman que se manteña limpa a zona, que se retiren o lixo e a maleza, para loitar contra este problema crónico. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade