Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BBVA confirma o interese en negociar outra vez unha fusión co Sabadell

O BBVA confirma o interese en negociar outra vez unha fusión co Sabadell

O primeiro intento, que resultou frustrado, foi en 2020

G24.gal 30/04/2024 15:46 Última actualización 30/04/2024 17:55

O BBVA confirmou este martes que trasladou ao presidente do Banco de Sabadell, Josep Oliu, o interese do grupo en iniciar novas negociacións para explorar a posibilidade dunha fusión entre ambas entidades, segundo informou á Comisión Nacional do Mercado de Valores.

O BBVA engade que nomeou asesores para ese efecto, mentres que o Sabadell, na súa propia comunicación ao supervisor bolsista engade que recibiu ás 13:43 horas deste martes unha proposta escrita de BBVA para unha fusión, que o consello de administración do Sabadell analizará adecuadamente.

"Non só hai que fundamentar e fomentar que o sector siga tendo estes niveis de rendibilidade e solvencia, senón que teñamos unha situación competitiva no sector financeiro que nos quede despois desta operación, se é que se produce. Para iso temos os mecanismos necesarios: entre eles velará a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia", dixo Carlos Cuerpo, ministro de Economía tras coñecer a posible fusión.

 

Segundo intento de fusión

Trataríase do segundo intento oficial despois de que en novembro de 2020, o BBVA e o Sabadell recoñecesen que estaban a negociar unha fusión desde había meses, aínda que dúas semanas despois de desvelar os contactos, as dúas entidades anunciaron a ruptura das conversacións.

O BBVA preferiu non dar explicacións, pero o Sabadell desvelou entón publicamente que a operación non saíra adiante ao non chegar a un acordo sobre a eventual ecuación de troco das accións, é dicir, o prezo da operación. Naquel momento barallábase que a integración se faría mediante un intercambio de accións e non en metálico, o que o Sabadell, que non pasaba polo seu mellor momento en bolsa, consideraba que lle prexudicaba porque cría que tiña maior capacidade de xerar valor en por si.

Pola mesma data, o BBVA anunciaba a venda da súa filial nos Estados Unidos por 11.600 millóns de dólares (uns 9.700 millóns de euros ao cambio de novembro de 2020), unha operación que lle supuxo importantes plusvalías e un exceso de capital que, en ocasións, repartiu entre os seus accionistas vía dividendo e recompra de títulos.

En paralelo, o Sabadell, cos seus plans de gañar valor en bolsa, apenas unhas semanas despois das rupturas daquelas conversacións co BBVA, xa en decembro de 2020, anunciou que César González-Bueno pasaría a ser o conselleiro delegado do grupo en substitución de Jaime Guardiola. O banco empezaba unha nova etapa en busca de maior rendibilidade que se traduciu nunha mellora dos resultados que, a teor da evolución da cotización, o mercado aplaudiu, pois a acción máis que cuadriplicado o seu valor, ata chegar aos 1,86 euros desta tarde. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar