Formoso celebra "a rehabilitación política" de Gómez Besteiro
Formoso celebra "a rehabilitación política" de Gómez Besteiro
O BOE publica o nomeamento do expresidente da Deputación de Lugo como delegado do Goberno
Aínda non asumiu o seu novo cargo, pero o Boletín Oficial do Estado xa publica este mércores o nomeamento de Xosé Ramón Gómez Besteiro como delegado do Goberno en Galicia.
Unha "rehabilitación política" que, segundo o líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, "é de xustiza porque foi perseguido xudicialmente inxustamente durante demasiado tempo, subtraendo a vontade popular. A volta do compañeiro Xosé Ramón é un motivo de alegría para a sociedade galega e, sobre todo, para o Partido Socialista de Galicia".
O secretario xeral do PSdeG mostrou a súa confianza en Gómez Besteiro e sinalou que con el á fronte da delegación do Goberno iniciarase unha “etapa moi dinámica na defensa dos intereses de Galicia”.
Formoso tamén puxo en valor a o nomeamento de José Miñones como ministro de Sanidade e incidiu na relevancia de que un galego asuma esta carteira debido a que a sanidade é “o tema que máis nos preocupa na sociedade galega”.
Ademais, o seu nomeamento evidencia un “sinal de apoio rotundo” de Pedro Sánchez ao PSOE galego en tanto que Miñones forma parte da Executiva do PSdeG.