Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Camiño tamén visibiliza o trastorno autista

O Camiño tamén visibiliza o trastorno autista

Un grupo de rapaces con TEA viaxa dende Turín para experimentar as bondades da ruta xacobea

O GRS da Garda Civil encargouse de vixiar e asistir os peregrinos dende Sarria

G24.gal 11/09/2022 14:59 Última actualización 11/09/2022 15:20

Cada vez son máis as asociacións que recorren ao camiño como unha ferramenta ideal para potenciar as habilidades de colectivos como os discapacitados, que atopan na ruta un ambiente ideal para coñecer outras persoas ou expoñerse a situacións diferentes ás da vida cotiá.

É o caso deste grupo de trece nenos con trastornos do espectro autista procedentes da cidade italiana de Turín, que, acompañados das súas familias, están aprendendo a relacionarse e a mellorar a súa capacidade comunicativa.

"É un proxecto rehabilitador para ver como os rapaces experimentan unha actividade nova e o resultado está a ser moi alentador", asegura Graziano Lomagistro, un dos educadores participantes na iniciativa.

A expedición "CammiAutismo a Santiago" saíu de Sarria hai seis días, e tras case cento vinte quilómetros de esforzo tiñan previsto chegar á praza do Obradoiro polo serán. Durante todo o percorrido contan coa asistencia do Grupo de Reserva e Seguridade da Garda Civil, que se encarga da vixilancia do Camiño.

"Temos un dispositivo de seguridade que imos acompañando. Saímos dende Sarria e imos por etapas. Axudamos a atravesar as rúas principais, que é onde pode haber máis perigo, e ao longo do Camiño", relata Xosé Augusto González, tenente do Grupo de Reserva e Seguridade (GRS) da Garda Civil.

Os propios axentes contan coa colaboración dun carabiniero que acompaña a comitiva, así como a presenza puntual de Protección Civil e tamén de especialistas no eido das discapacidades, que forman os axentes nas necesidades destes colectivos.

"Eles nunca traballaran cun colectivo de persoas con discapacidade e están aprendendo moitísimo. Ao principio eramos como algo máis distantes, non sabiamos como dirixirnos, e ao final supúxolles unha experiencia", conta Mercé Luz, da fundación ONCE.

Dende a organización do proxecto agradecen a colaboración das autoridades e das forzas de seguridade españolas e esperan repetir pronto unha aventura na que a maior recompensa é a cara de ledicia destes rapaces.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar