O campo mobilízase de novo na antesala dos comicios europeos, por María Cadaval
OPINIÓN
O campo mobilízase de novo na antesala dos comicios europeos, por María Cadaval
O vindeiro 9 de xuño preto de 400 millóns de persoas están chamadas ás urnas para elixir os 720 eurodeputados/as que representarán a cidadanía europea en Estrasburgo. A suma de escanos que reparten Alemaña, Francia, Italia, España e Polonia representa a metade do Parlamento Europeo, de aí a importancia da votación neses países.
Neste contexto, o campo volve mobilizarse. Desta volta, os agricultores austríacos tomaron a dianteira o sábado ao se concentraren fronte ao parlamento de Viena. Agora son os agricultores españois e tamén os franceses os que se manifestan para exixir a activación de medidas que eviten a asfixia que atravesa o sector primario.
As súas demandas son claras: piden que as producións agrarias e gandeiras que entren en terreo comunitario cumpran os mesmos criterios sanitarios e ambientais que se seguen dentro de Europa. É dicir, que se apliquen cláusulas espello nos acordos comerciais que a UE asine con terceiros países.
Alén disto, piden modificar a Política Agraria Común (PAC) para facela mais accesible e equitativa para os agricultores. Isto implica unha simplificación dos procedementos administrativos e o axuste dos criterios de elixibilidade para as axudas e subvencións.
Evitar custos excesivos para agricultores e gandeiros
Modificar a lei da cadea alimentaria que prohiba prácticas desleais e exixa o etiquetado completo e a trazabilidade dos produtos.
Poñer en funcionamento medidas que prioricen a produción de proximidade e potencien a alimentación de quilómetro cero.
Rebaixas na fiscalidade da electricidade e carburantes de uso agrícola.
Incrementar o investimento en formación e no uso das novas tecnoloxías para aumentar a produtividade e a rendibilidade no sector.
A protesta está convocada por algo máis de vinte plataformas independentes que se crearon ao abeiro das protestas de febreiro. Porén, non conta coa participación das organizacións profesionais como Asaja, COAG, UPA, Unión de Uniones ou Cooperativas Agroalimentarias, que, de momento, prefiren agardar. Estas plataformas manteñen grupos de traballo activos co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para abordar cuestións relativas á PAC, ás cláusulas espello e tamén á lei da cadea alimentaria. Unha vez pasadas as eleccións, avaliarán se os acordos acadados son suficientes ou non.
Segundo datos oficiais, no 2023, había en España 881.000 persoas empregadas no sector da agricultura e a gandería, dos que o 85 % estaban ocupadas e o 15 % en situación de desemprego. En Galicia, o peso relativo é semellante, cunha tendencia á baixa. A achega do sector primario ao PIB no primeiro trimestre de 2024 foi do 4,1 %, cun emprego en agricultura por riba de 45.000 persoas. Malia que o sector primario representa o 4 % do emprego total, o seu papel é fundamental non só en termos absolutos senón sobre todo no que significa para o sustento da industria e tamén para dar certa seguridade alimentaria.
As mobilizacións de febreiro, que se prolongaron durante 20 días, provocaron un colapso na cadea de subministracións que afectou á capacidade dos portos e provocou atraso na entrega de mercadorías e perdas cuantificadas por importe de 130 millóns de euros ao día só ao sector da distribución alimentaria. Estas perdas poden estar xustificadas pola insatisfacción dos agricultures ante a necesidade de abordar os seus problemas estructurais. Se ben, non hai solucións simples e rápidas a problemas complexos. Como apuntou Karl Polanyi oito décadas atrás: “Cando a política ofrece poucas opcións e hai escasas perspectivas de resolver os problemas, a xente busca solucións extremas”.
Así, pois, cómpre fuxir das solucións radicais e tomar conciencia da importancia dunha UE forte capaz de poñer solucións tamén aos problemas do sector primario.