O can non pode ser herdeiro, pero hai camiños legais para deixarlle algo
O can non pode ser herdeiro, pero hai camiños legais para deixarlle algo
A avogada Ana Camiño di que as consultas dese tema son máis frecuentes do que se pensa
Non sorprende terlles tanto cariño. E apenas sorprende xa que haxa quen pregunte se o seu can pode ser o seu herdeiro. "É algo que nos preguntan moitas veces. É máis frecuente do que se poida pensar", subliña Ana Camiño.
Xente maior, persoas que viven soas ou se afastaron dos familiares, etcétera, entran no perfil dos que fan esa pregunta de se podemos poñer o can como herdeiro. "Como herdeiro non, non podes facelo herdeiro, porque os cans non teñen personalidade xurídica e non poden ser titulares de dereitos", responde a avogada.
O febreiro pasado un norteamericano legou a súa fortuna de cinco millóns de dólares á súa cadela. O deseñador inglés Alexander McQueen deixou tamén cartos para os seus tres cans antes de morrer. E dise que Oprah Winfrey deixou disposto un fideicomiso de 30 millóns para os seus cans.
Na lexislación española hai outras posibilidades, se queremos facer herdeiro o noso can. "Pero esa posibilidade pasa pola intermediación dunha terceira persoa". Unha opción é deixar cartos para o coidado da mascota, e outra opción é darlle a herdanza a unha persoa a condición de que coide da mascota. "E se non cumpre con esa condición perde o dereito a ter a herdanza".
Iso si, para garantir o benestar da mascota cando non esteamos é imprescindible facer testamento, polo menos de momento.